O Concello aproba provisionalmente a obra da EDAR coa modificación do PXOM

O documento regresa ao Pleno tras terse recibido os informes sectoriais e realizar pequeñas correccións non substanciais suxeridas dende algún organismo ▶ O documento definitivo remitirase a Costas do Estado e da Xunta como paso previo á aprobación definitiva por partvie da administración Autonómica

Depuradora de Vilagarcía, JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Imagen de la EDAR de Ferrazo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Pleno do Concello de Vilagarcía culminará o vindeiro xoves a tramitación municipal para a ampliación da depuradora de augas residuais de Ferrazo mediante a aprobación provisional da Modificación Puntual nº11 do PXOM. O documento, que xa afora aprobado inicialmente polo Pleno hai exactamente un ano, regresa ao máximo órgano do Concello tras contar cos informes sectoriais, técnicos e xurídicos preceptivos e ter realizado pequenas correccións de tipo técnico suxeridas dende algúns dos organismos. Unha vez aprobado provisionalmente, o documento remitirase aos departamentos de Costas do Estado e da Xunta, correspondéndolle á Administración Autonómica a súa aprobación definitiva.

A modificación puntual do PXOM foi promovida polo Concello de Vilagarcía para posibilitar a necesaria ampliación da EDAR, xa que para poder levar a cabo a actuación era necesario cualificar como "Solo Urbano Consolidado" a parcela pública sobre a que se desenvolverá a actuación e que, ao constar como "Solo Urbano Non Consolidado", non permitía edificar nela. Os terreos que permitirán levar a cabo a ampliación teñen unha superficie de 9.500 metros cadrados e están situados a carón da actual planta depuradora de Ferrazo.

Aproveitando o cambio de uso dos terreos, o trámite aproveitarase para actualizar outros aspectos do ámbito de actuación da modificación puntual consecuencia dos cambios sufridos nos últimos anos na zona, como o retranqueo do muro da EDAR para a construción do paseo de Canelas.

Actuación necesaria e urxente

A ampliación da EDAR de Ferrazo é unha actuación necesaria e urxente, sgundo sinalan dende o ente local, dado o incremento de caudal que as instalacións veñen soportando de forma constante dende hai anos debido á paulatina ampliación da rede de saneamento municipal, así como ao aumento poboacional que Vilagarcía rexistrou nas últimas décadas. Estas circunstancias fan que, a día de hoxe, as instalacións se atopen ao límite da súa capacidade de tratamento e depuración, facendo necesario unha ampliación que garanta, non só dar servizo á poboación actual, senón tamén dimensionar axeitadamente a planta con previsión de futuro.

A ampliación da EDAR permitirá mellorar as condicións de servizo da rede de saneamento e tamén repercutirá positivamente no aspecto medioambiental xa que, ao ter maior caudal e capacidade de tratamento, axilízase o proceso de depuración e redúcense os riscos de avarías e de verquidos.

A obra está considerada como prioritaria no Plan de Saneamento Local da marxe esquerda da Ría de Arousa elaborado pola Xunta de Galicia. Unha vez aprobada de forma definitiva a Modificación Puntual por parte da administración autonómica, o Concello xa poderá poñer os terreos a disposición da Consellería de Medio Ambiente para que licite os traballos e execute as obras.