O Plan de eficiencia enerxética permitirá instalar 100 lámpadas led no rural

Ademais destas novas luminarias, o Concello arranxará as placas solares do edificio consistorial

A praza de Ravella será o escenario da celebración. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Concello reporá as placas fotovoltaicas da cuberta do edificio municipal de Ravella JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía segue avanzando no desenvolvemento do Plan municipal de eficiencia enerxética co obxectivo de aforrar recursos económicos e reducir as emisións de CO2 mediante un menor consumo de electricidade. Neste marco, as últimas actuacións que se están levando a cabo son a adaptación á tecnoloxía led de outros 100 puntos de luz de varia zonas do rural e o arranxo das placas solares da Casa Consistorial, paradas dende hai unhas semanas debido á rotura dunha peza do sistema fotovoltaico.

Para levar a cabo a primeira das actuacións, o Concello vén de adquirir 100 lámpadas led de 27 e de 40 watios de potencia para substituír outras tantas luminarias convencionais de zonas rurais e da periferia urbana. Os traballos xa comezaron por Aralde, onde os vellos farois de 150 watios están sendo substituídos por focos led de 27, que precisan menos consumo e proporcionan a mesma ou incluso maior calidade lumínica. En rueiros máis anchos, nos que existían farois de 300 watios, estanse poñendo lámpadas de última tecnoloxía de 40 watios co obxectivo de iluminar mellor as vías.

A maiores, o Concello contratou xa a adquisición e os traballos de reposición do inversor das placas fotovoltaicas instaladas na cuberta do edificio municipal de Ravella. O sistema levaba parado unhas semanas pola rotura desta peza imprescindible para o funcionamento da instalación de xeración de electricidade a través da enerxía solar. A empresa que se encarga da revisión anual das placas realizará a reparación nos vindeiros días.

O Concello de Vilagarcía dispón de tres placas fotovoltaicas dende que se inaugurou o novo edificio hai vinte anos, apostando xa entón polas enerxías renovables. O consistorio foi a primeira instalación municipal en contar con placas solares, sistema que máis tarde se aplicou tamén nos pavillóns deportivos de Fontecarmoa. En ámbolos dous casos, aínda que a enerxía que se xera é pouca, permite reducir os custes de quentar as augas sanitarias e o gasto de consumo eléctrico en xeral.

A punto de executar o plan do IDEA

Tamén dentro do Plan municipal de eficiencia enerxética está a piques de comezar unha importante actuación incluída no Programa Operativo Sostible da Deputación de Pontevedra e financiada con fondos europeos a través do Instituto para a Diversificación (IDAE). Cun investimento de 199.385 euros, consiste na substitución dun total de 515 puntos de luz convencionais por outros tantos led, neste caso en distintas rúas do centro urbano. A medida suporá un aforro enerxético do 84% respecto ao consumo actual, segundo apunta a memoria técnica do proxecto que xa foi adxudicado polo organismo provincial.