O Centro Municipal de Emprendemento programa diversas actividades de carácter gratuíto

Abordarán aspectos como a definición e a validación do modelo de negocio, as liñas de axudas ás que optar, o márketing e o modelo Eco-Fin ▶ Tamén está previsto un obradoiro práctico de “xardíns eternos”. A matrícula de 69 euro cubre os materiais para realizar as creacións que se poderán levar para casa

Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Centro Municipal de Emprendemento do Concello de Vilagarcía xa ten pechada a programación formativa para os meses de febreiro e marzo. Serán un total de cinco obradoiros e seminarios gratuítos nos que se abordarán diferentes aspectos de interese para os emprendedores que desexen poñer en marcha un proxecto empresarial, e tamén un workshop sobre a creación de xardíns eternos no que os participantes, ademais de aprender a realizar este tipo de composicións, poderán levar para casa a súa creación. Os interesados en asistir ás actividades poden inscribirse ou solicitar máis información no centro emprazado na rúa Os Duráns ou contactar a través do enderezo electrónico [email protected] ou do teléfono 986 185 916.

A nova programación arranca este xoves, 16 de febreiro, co obradoiro de Definición do modelo de negocio que se impartirá entre as 12.30 e as 13.30 horas. O seguinte xoves, día 23 de febreiro, pero en horario de tarde (de 18 a 19.30 horas) celebrarase un seminario sobre liñas de axudas ás que os emprendedores poder optar para reducir os custes de posta en marcha do seu proxecto empresarial.

A última actividade do mes de febreiro será o taller sobre xardíns eternos que a firma Home Jungle impartirá o sábado 25 a partir das 11.30 horas. No obradoiro, que terá unha duración aproximada de dúas horas, os participantes poderán crear as súas propias ornamentacións vexetais seguindo as indicacións dos monitores e cos materiais que se lle proporcionarán na actividade. Os asistentes poderán levar para a casa os traballos realizados na actividade que rematará cun aperitivo. Este é o único obradoiro que ten un custe de matrícula, 69 euros por persoa. Para obter máis información sobre este obradoiro, pode mandarse un mail ao enderezo [email protected] ou chamar ao teléfono 660 53 40 14.

Xa no mes de marzo, o centro dependente da Concellería de Promoción Económica ten prevista a realización dun obradoiro sobre Validación do modelo de negocio (o día 2), outro sobre Márketing (o día 8) e o último, o día 16, o obre o Modelo Eco-Fin. Nos tres casos o horario será de 12.30 a 13.30 horas.

Un servizo público para dinamizar a economía local e o emprego

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía puxo en marcha o ano pasado o Centro Municipal de Emprendemento co obxectivo de dar resposta á demanda das necesidades do tecido empresarial e das persoas emprendedoras da localidade, prestándolles un servizo de atención continuada e ofrecendo un completo programa de actividades entre as que se inclúen obradoiros, seminarios e sesións de networking. Un equipo de especialistas en diferentes áreas empresarias prestan servizos de acompañamento ás persoas emprendedoras, axúdanlles a crear unha folla de ruta na que se identifican as necesidades iniciais da idea de negocio que desexan poñer en marcha e, en base a estas, prográmanse sesións formativas e de asesoramento individualizadas nas que se acompaña aos emprendedores na articulación do seu proxecto.