A piscina municipal recupera os seus horarios e servizos habituais dende o 1 de marzo

Funcionará de luns a venres de 7 a 23.30 horas, os sábados de 8 a 21 e os domingos de 10 a 13.30 ▶ Retómanse os cursos e as actividades acuáticas con monitor e reabre o SPA 

Vestuarios Piscina municipal Fontecarmoa Vilagarcía. DS
photo_camera O servizo de vestuarios será o único que todavía non estea dispoñible o vindeiro mes. DS

A piscina municipal Celestino Briones dá un novo paso o 1 de marzo para volver á normalidade. A partir desde día, as instalacións de Fontecarmoa recuperan os seus horarios habituais de funcionamento, reabre o SPA e retómanse os cursos e as actividades acuáticas con monitor. O único servizo do que non se poderá facer uso será o dos vestiarios, aínda sen rematar ao terse detectado durante a execución das obras necesidades non previstas no proxecto e que é preciso corrixir para que a reforma se complete de forma satisfactoria. En compensación por esta incidencia, a concesionaria aplicará un desconto do 50% a todas as súas cotas.

Así, a partir do 1 de marzo a piscina volverá a abrir as súas portas de luns a venres de forma ininterrompida dende as 7 da mañá ata as 23.30 horas. Os sábados funcionará de 8 a 21 horas e os domingos de 10 a 13.30 horas. Desde ese día xa non será preciso facer reserva para acceder ás instalacións. Unicamente será preciso anotarse previamente a través da app para a realizació n das actividades dirixidas.

Malia non estar operativos os vestiarios, os usuarios disporán dos servizos provisionais habilitados para cubrir as necesidades básicas durante as obras de mellora. O funcionamento será similar ao que se viña facendo. A zona de augas disporá de cambiadores, duchas e taquillas, e os usuarios da sala de fitness e da zona de actividades disporán de taquillas e dunha zona para cambiarse de calzado.

Ao terse recuperado xa a actividade normal, a concesionaria comezará a cobrar polo uso das instalacións e a asistencia a cursos. Malia todo, en compensación pola molestia de non poder usar os vestiarios, aplicará unha bonificación do 50% a todas as cotas, tanto as dos abonos como as dos cursos.

O prazo de execución amplíase ao 18 de abril co modificado

A actividade da piscina municipal continuará desenvolvéndose deste xeito ata que finalicen as obras, cuxo prazo de execución se ampliou ata o 18 de abril co obxecto de poder solucionar as deficiencias detectadas no transcurso da reforma. Para iso xa se aprobou un modificado do proxecto inicial que, cun orzamento de 104.000 euros, permitirá incluír o arranxo da cuberta para evitar filtracións, renovar os condutos de climatización e mellorar o grupo de presión.