A Cabalgata de Reis obliga a suspender aparcamentos e pechar o tráfico en varios puntos

A retirada de vehículos estacionados comezará ás 15 horas pola avenida da Mariña e a partir das 17 polo resto das rúas polas que pasará o desfile ▶ Os primeiros cortes faranse ás 17 na avenida da Mariña e a partir das 18.45 e de forma gradual polo resto das rúas afectadas

Multitud de gente recibió a Sus Majestades los Reyes Magos en Vilagarcía
photo_camera A Cabalgata de Reis terá lugar este venres ás 19.00 horas. DS

A Cabalgata de Reis que se celebra na tarde deste venres, 5 de xaneiro, implicará a eliminación dos estacionamentos e o peche da circulación rodada nas rúas polas que discorrerá o desfile. A policía Local informa das medidas que se adoptarán neste sentido, as zonas afectadas polas mesmas e os horarios nos que comezarán a aplicarse, ademais de ofrecer varias recomendacións para minorar o s seus efectos e as molestias que puideran provocar.

Como norma xeral, suprimiranse todos os estacionamentos polas rúas polas que discorre o desfile. Son a avenida da Mariña (dende a intersección con Doutor Carús ata o supermercado Gadis), a Praza do Doutor Carús, Alexandre Bóveda (entre Doutor Carús e Castelao), Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón (entre Alejandro Cerecedo e Praza de España), Praza de España, Edelmiro Trillo, Padre Feijoo, Arapiles e Praza Ravella (lateral do Concello entre o antigo Liceo e a Calexa de Ravella).

O guindastre da Policía comezará a actuar pola avenida da mariña ás 15.00 horas para retirar os vehículos que aínda puideran permanecer aparcados. No resto do percorrido comezarase a partir das 17.00 horas. A esa mesma hora cortarase o tráfico rodado na avenida da Mariña (entre os cruces con acceso o Peirao de Pasaxeiros e o Ramal) e, a partir das 18.45 horas, empezarase cos peches de Doutor Carús, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo, Praza España, Edelmiro Trillo e Arapiles. Finalmente cortarase á circulación na avenida Rosalía de Castro, Juan Carlos I e a rúa San Roque (entre os cruces da Porta da Luz Salgada e o Ramal), coincidindo coa chegada da comitiva real á Praza de Ravella.

Recomendacións para acceso a garaxes e aparcamentos disuasorios

A Policía Local recomenda aos veciños que, dentro do posible, garden os vehículos nos garaxes con antelación, e os que non teñan esta posibilidade, os estacione con anterioridade fora das rúas polas que pasa a Cabalgata.

Aos visitantes recomendase que entren en Vilagarcía antes das 18.00 horas, o que lles permitirá atopar estacionamento nas zonas de párking (Porto, zona de mercado, Xulgados, estación ferrocarril e rúa Vila Janer), nos estacionamentos disuasorios gratuítos da avenida de Cambados, Fexdega e a Finca Douro (na avenida Rodrigo de Mendoza), Marxión, os Duráns e A Escardia, e nos párkings públicos de Praza España, Avda. Mariña (Cavadelo) e Praza Juan XXIII.

Tamén se pide que se evite circular en automóbil pola zona urbana entre as 19.00 e as 21.00 horas e que se usen as vías alternativas: Rivero de Aguilar (estrada portuaria), avenida Pablo Picasso, avenida de Cambados, Doutor Tourón, Rodrigo de Mendoza e avenida das Carolinas.

En caso de urxencia médica ou doutra índole, prégase avisar telefonicamente á Policía Local (986501582), que se encargará de organiza a chegada dos medios de auxilio necesarios.