Persoas Maiores pon en marcha unha nova edición dos obradoiros 'Actívate!'

Os obradoiros levaranse a cabo no Auditorio. DP

Empezarán en marzo e consistirán nunha sesión semanal de 2 horas ▶ Ofértanse 60 prazas gratuítas ▶ Os interesados deben ter cumpridos os 65 anos e estar empadroados en Vilagarcía

A Área de Persoas Maiores do Concello de Vilagarcía pon en marcha unha nova edición do programa Actívate!, destinado a favorecer o envellecemento activo dos maiores de 65 anos. O departamento que dirixe Tania García oferta 60 prazas para os obradoiros gratuítos que se impartirán no Auditorio en primavera e outono. Os interesados poden anotarse dende o día 13 de febreiro nas dependencias da Concellería, sitas na planta baixa do Consistorio. As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de inscrición e, en caso de que a demanda supera ás prazas ofertadas, mediante sorteo.

Persoal especializado de AFAGA-Alzéimer, a Asociación de familiares de enfermos de Alzéimer e outras demencias de Galicia, será o encargado de impartir os obradoiros nos que os participantes traballarán as habilidades psicomotoras, de relaxación e de estimulación cognitiva.

As actividades desenvolveranse de forma presencial no Auditorio en dúas quendas: de marzo a xuño, e de setembro a decembro. Organizaranse tres grupos de 20 persoas que terán unha sesión á semana de dúas horas de duración.

A participación nos obradoiros Actívate!, é de balde, tendo que cumprir os interesados os requisitos de ter 65 anos cumpridos, estar empadroados en Vilagarcía e non ter diagnosticado deterioro cognitivos importante. O prazo para anotarse vai do 13 ao 27 de febreiro. O trámite debe realizarse nas dependencias de Persoas Maiores, sitas no Concello, en horario do 8.30 a 14.30 horas. En cada solicitude poderán inscribirse un máximo de dúas persoas. 

Estas actividades contan cunha grande aceptación por parte do colectivo ao que van dirixidos xa que nas sesións realízanse terapias cognitivas, físicas e duais que inciden de xeito moi positivo no benestar dos maiores e na mellora da súa calidade de vida mediante a potenciación da autonomía persoal, ademais de ser un marco perfecto para promover as relacións sociais, outro dos factores que favorecen o envellecemento activo.