O Centro de Emprendemento organiza un networking sobre creación e uso da marca profesional

Jesús Pérez Santiago, mentor en comunicación persoal e empresarial, impartirá a actividade que terá lugar o 9 de febreiro ás 19 horas ▶ A asistencia e libre e de balde, previa inscrición
Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía de Arousa continúa coa realización de xornadas formativas a través do seu Centro de Emprendemento na súa aposta polo fortalecemento de proxectos emprendedores, creación de comunidade e fomento da consolidación empresarial da localidade. Neste marco, o vindeiro xoves 9 de febreiro, a partir das 19 horas, o centro emprazado nos Duráns acolle o networking 3 pasos para crear e influír coa túa marca profesional online dirixido principalmente a todas aquelas persoas que estean a impulsar ou desenrolar empresas. O prazo de inscrición xa está aberto e as persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico [email protected]. A asistencia é gratuíta.

Esta nova actividade dá continuidade á celebrada o pasado mes de novembro sobre Márketing para emprendedores. A sesión consiste nunha charla da man de Jesús Pérez Santiago, mentor en comunicación persoal e empresarial, e o fío condutor da actividade será o emprego de ferramentas e recursos existentes para facer visible a empresa na rede. Tras a charla darase paso a un espazo debate e networking entre os asistentes. Prevese que á xornada acudan os proxectos emprendedores aos que se presta apoio dende o Centro Municipal.

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Vilagarcía puxo en marcha o ano pasado o Centro Municipal de Emprendemento co obxectivo de dar resposta á demanda das necesidades do tecido empresarial e das persoas emprendedoras da localidade, prestándolles un servizo de atención continuada e ofrecendo un completo programa de actividades entre as que se inclúen obradoiros, seminarios e sesións de networking. Un equipo de especialistas en diferentes áreas empresarias prestan servizos de acompañamento ás persoas emprendedoras, axúdanlles a crear unha folla de ruta na que se identifican as necesidades iniciais da idea de negocio que desexan poñer en marcha e, en base a estas, prográmanse sesións formativas e de asesoramento individualizadas nas que se acompaña aos emprendedores na articulación do seu proxecto.

Seminario sobre axudas e recursos públicos

No marco das actuacións previstas para este ano, continuarase coa realización de obradoiros, nos que se abordarán de maneira práctica aspectos de definición e validación de modelo de negocio, márketing e previsión económica dos proxectos, entre outros. Proximamente está prevista a realización dun seminario sobre axudas e recursos públicos para emprendedores.

Independentemente destas actividades programadas, os emprendedores e emprendedoras interesados poden axendar titorías para definir a folla de ruta dos seus proxectos segundo as súas necesidades. Porén deben dirixirse ao centro municipal de Emprendemento situado no número 7 da Rúa Os Duráns, contactar por mail a través do enderezo [email protected] ou por teléfono, chamando ao 986 185 916.