Persiguen de madrugada a un home alcolizado polas rúas de Vilagarcía

O home camiñaba polo medio da calzada na Avenida Rivero de Aguilar, obstaculizando a circulación e poñendo en risco a súa integridade, e continuou a súa actitude agresiva no PAC de San Roque
Coches da Policía Local de Vilagarcía. DP
photo_camera Coches da Policía Local de Vilagarcía. DP

A Policía Local de Vilagarcía interceptou ás 3.30 horas da madrugada deste mércores a un home que, cun vaso na man e con síntomas de embriaguez, camiñaba polo medio da calzada na Avenida Rivero de Aguilar, obstaculizando a circulación e poñendo en risco a súa integridade. Aínda que os axentes pedíronlle que saíra da estrada e se identificase, o home mantivo a súa actitude desprazándose ao longo de toda a vía e fuxindo dos municipais. 

Unhas mulleres que ían nun dos vehículos que circulaba pola rúa, comentáronlle aos axentes que esa persoa xa viña de crear problemas nun pub e participara nunha pelexa. Nese intre, o ondividuo tirou un vaso ao chan e, collendo un cacho de vidro na man, escapou correndo cara os locais da TIR. Os axentes perseguírono, primeiro a pé e máis tarde en coche, ata dar con el na Avenida da Mariña, onde se achegou ao coche policial para propinar un puñetazo ao condutor a través do portelo. Finalmente, volveu a escapar á vez que chamaba a voces á Policía. Finalmente, tropezou e caeu ao chan levando un forte golpe na cara, e os axentes aproveitaron este momento para inmobilizalo. 

Porén, isto non rematou aquí, o home seguiu coa súa actitude agresiva no PAC de San Roque, a onde o levaron para ser atendido das consecuencias das caídas. Este propinou patadas tanto aos axentes como ao vixilante do centro. Finalmente, subministráronlle un calmante e foi trasladado ao Hospital do Salnés para facerlle probas. A detención non foi realizada xa que o home foi ingresado, pero a Policía cursou as correspondentes denuncias polos feitos acontecidos.