A Orquestra Sinfónica de Vigo ofrece un concerto gratuíto no Auditorio

A actuación enmárcase na liña de colaboración que o centro da cidade olívica mantén con Conservatorio Profesional de Vilagarcía
Conservatorio Superior de Música de Vigo. DS
photo_camera Conservatorio Superior de Música de Vigo. DS

O Auditorio Municipal de Vilagarcía acolle o mércores10 de maio o concerto da Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música de Vigo. A actuación enmárcase na liña de colaboración que dende hai anos mantén o centro da cidade olívica co Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa, que é quen organiza o concerto. O espectáculo comeza ás 20.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Baixo a dirección do mestre Juan Carlos Díaz, a Orquestra Sinfónica do Conservatorio Superior de Música de Vigo interpretará un repertorio composto polas obras Finlandia de Jean Sibelius, o Concerto para piano en La menor Op.16 de Edvard Grieg, con Alba Raña como solista, e Le Cid, Suite Ballet de Jules Massenet.

A colaboración do Conservatorio de Vilagarcía co Conservatorio Superior de Música de Vigo ven xa de lonxe en varias liñas diferenciadas. Por un lado, é habitual que os alumnos do centro arousán continúen os seus estudos superiores de música en Vigo, xa que por proximidade xeográfica é o centro de referencia, aínda que dependendo da dispoñibilidade de prazas e das preferencias do alumnad, en ocasións prosigan os seus estudos noutros centros.

Ademáis, varios dos profesores actuais do Conservatorio de Vilagarcía teñen realizado os seus estudos superiores no centro de Vigo e que profesores do centro vigués teñen acudido a Vilagarcía a impartir cursos para o alumnado do centro. Por outra banda, nos derradeiros anos varios alumnos do Conservatorio Superior de Vigo teñen participado no Programa de Masterclasses do Festival Internacional de Muisca Clásica de Vilagarcía, o Clasclás, convidados polo Conservatorio de Vilagarcía.