O CCOO de Arousa celebrará a 1ª Xornada da Muller Traballadora

O acto terá lugar na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa a partir das 10:00h da mañá do vindeiro 19 de novembro
Una mujer trabajando. PIXABAY
photo_camera Una mujer trabajando. PIXABAY

O vindeiro 19 de Novembro a Unión Comarcal de CCOO de Arousa vai realizar a 1ª Xornada da Muller Traballadora. Esta Xornada está encadrada nos actos que, CCOO de Galicia e a Confederación Sindical de CCOO, están a realizar conxuntamente na semana do 25 de Novembro Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Trátase dunha Xornada que vai dirixida a todas as mulleres en xeral e as traballadoras en particular, incidindo na prevención, dificultades, fendas e violencias que afectan ás mulleres. Nela participarán cómo relatoras Carolina Vidal López, Secretaria de Mulleres, Igualdade e Condicións de Traballo da Confederación Sindical e a Secretaria Xeral da Muller, Igualdade e políticas LGTBI.

O acto terá lugar na Sala de Conferencias do Auditorio de Vilagarcía de Arousa a partir das 10:00h da mañá. Na Xornada falarase tamén dos Plans de Igualdade como ferramenta e axuda no traballo.

A organización quixo tamén presentar o Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo de CCOO. Unha iniciativa coa que o sindicato pretende denunciar e visibilizar esta violencia.

Con este Observatorio, CCOO pretende crear un espazo que sirva para recoller, analizar e difundir información homoxénea e sistemática relativa a este asunto, achegar lexislación e modelos de protocolos, así como formular recomendacións e propostas para mellorar os indicadores e os sistemas de información relacionados co acoso sexual e por razón de sexo no ámbito laboral.

Unha das principais ferramentas do Observatorio de Acoso Sexual e por Razón de Sexo de CCOO para visibilizar estes tipos de acoso será a súa páxina web. Así, como advertiu Carolina Vidal, "por unha banda, dótase de mellores instrumentos ás persoas que participan na negociación colectiva e ponse ao dispor da cidadanía unha fórmula de contacto mediante a cal tanto mulleres vítimas destes acosos como delegadas e delegados e calquera persoa poidan recibir unha primeira orientación".