O modelo dos Servizos Sociais de Vilagarcía exporase nas xornadas internacionais da Universidade do País Vasco

A concelleira da área e a coordinadora do servizo ofrecerán un relatorio sobre a intervención con perspectiva comunitaria realizada na pandemia
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. DS/ARCHIVO
photo_camera O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela. DS/ARCHIVO

O modelo de actuación que está a desenvolver os Servizos Sociais do Concello de Vilagarcía foi elixido pola Universidade do País Vasco para protagonizar un dos relatorios que se exporán durante as Xornadas Internacionais de Participación, Investigación-Acción e Desenvolvemento Comunitario que se celebrarán en Bilbao do 26 ao 28 de abril. Deste xeito, a experiencia vilagarciá estará presente nun foro no que p articipan profesionais, investigadores e expertos de organismos oficiais, como o CSIC ou varias comunidadades autónomas, e de universidades de todo o mundo, como Harvard, Edimburgo, Deusto ou a Universidade de La Plata-Arxentina, entre outras.

Ser seleccionados para participar neste importante foro de ámbito internacional é todo un recoñecemento ao traballo que se está a realizar dende os servizos sociais municipais de Vilagarcía, con especial mención ao modelo creado para dar cobertura a todas as necesidades xurdidas durante a pandemia da covid-19. Precisamente por este protocolo recibiron o Premio Ás Boas Prácticas concedido polo Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia en 2021 e a experiencia tamén foi elixida polo comité científico do Consello Xeral de Traballo Social para expoñerse no XIV Congreso Estatal e II Iberoamericano de Traballo Social 2022 que se celebrou o pasado verán en Ciudad Real.

A presentación dos Servizos Sociais Municipais de Vilagarcía enmarcarase no eixo de Desenvolvemento Comunitario das Xornadas Internacionais da Universidade do País Vasco e desenvolverase o venres, 28 de abril. Serán a concelleira da Área, Tania García, e a coordinadora do servizo, Iria Camba, as que protagonicen o relatorio que leva por título Capital Social en tempo de pandemia: unha experiencia de intervención en perspectiva comunitaria. Neste mesmo eixo tamén exporán as súas investigacións e os seus proxectos investigadores e profesionais da Universidade Complutense de Madrid, da Universitat de Cataluña, das de Xaén e Zaragoza e unha representante do Consello Comarcal da Alt Ampurdá.

Ampliar coñecementos para poñer en práctica

A maiores do recoñecemento que supón poder amosar a experiencia de Vilagarcía e obter o recoñecemento do sector, participar nestas Xornadas Internacionais tamén permite as responsables dos Servizos Sociais Municipais coñecer outras experiencias exitosas levadas a cabo en diferentes partes de España e do mundo e ter acceso ás máis novidosas investigacións na materia a abordar, de modo que poidan servir para buscar novas aplicacións en Vilagarcía.