Rajoy solicita o apoio para Alfonso Rueda na visita polos negocios e as rúas de Vilagarcía

O expresidente do goberno visitou o municipio acompañado de varios representantes populares
Mariano Rajoy, acompañado de Raúl Santamaría e Ana Granja, visitando a farmacia de Castelao en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Mariano Rajoy, acompañado de Raúl Santamaría e Ana Granja, visitando a farmacia de Castelao en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O expresidente do goberno, Mariano Rajoy, visitou este venres Vilagarcía acompañado pola Secretaria Xeral do PP de Galicia, Paula Prado; o Presidente Provincial, Luís López; a Secretaria Provincial, Luísa Piñeiro; o candidato vilagarcián, Raúl Santamaría; a voceira local, Ana Granja; e os concelleiros populares de Vilagarcía.

O encontro comezou na rúa Castelao, onde Rajoy foi recibido polos membros do Partido Popular. Durante preto dunha hora e media, o expresidente do goberno visitou diferentes rúas e negocios de Vilagarcía.

Ao longo do paseo foron varias as persoas que se pararon a saudalo. Na visita, Rajoy puxo en valor a importancia das medidas do goberno de Alfonso Rueda e do PP de Galicia á fronte da Xunta para impulsar e apoiar aos negocios de proximidade.

Na última lexislatura son moitas as medidas levadas a cabo polo goberno de Rueda para apoiar aos pequenos negocios, afirman os populares. Como sinala o candidato vilagarcián, Raúl Santamaría, “iniciativas como o bono activa comercio, que mobilizou preto de 12 millóns de euros, ou o bono deporte, entre outras iniciativas, axudaron a dinamizar os establecementos de proximidade”. Agregando que “esta é a liña na que queremos seguir, ampliando estas axudas con outras novidades como o bono actívate, destinado aos maiores de 65 anos”.

Para o PP local a visita foi moi importante, en palabras de Santamaría “Rajoy foi un dos mellores presidentes que tivo este país e Vilagarcía estivo presente nos seus proxectos”. De feito recorda “a reforma do paseo marítimo que une Vilagarcía con Carril pola praia da Compostela, que foi un proxecto aprobado, proxectado e orzamentado polo goberno de Rajoy”. 

Precisamente, en canto a posta a punto das praias, Raúl tamén engadiu que “a rexeneración da praia de Vilaxoán fíxose co goberno de Mariano Rajoy, mentres que cos gobernos de Pedro Sánchez en Madrid e de Varela no concello, a praia de Vilaxoán ten un aspecto lamentable, e as de  Bamio e a Concha – Compostela teñen pendentes diferentes proxectos de mellora, xa sexan dos areais ou da súa contorna”.