Podemos denuncia que as irregularidades da rúa Esperanza provocan danos nos vehículos

“O estado da rúa de Carril é propio do século pasado e desminte a imaxe propagandística que pretende vender o goberno de Alberto Varela”, sinalan dende a formación
Desperdicios en la rúa Esperanza en Carril Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera A rúa presenta algunha focha no pavimento. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Podemos-Marea da Vila vén de facerse eco da queixa da veciñanza de Carril polo estado de abandono da rúa Esperanza en Carril, situada nunha das dúas áreas de rehabilitación integral (ARI) que existen en Vilagarcía. A causa fundamental do deterioro son as tubaxes, con continuas roturas, e achacan o problema a non ter actuado máis que a través de parches, polo que a formación insta ao Goberno Local a realizar unha intervención integral.

Deficiencias en la rúa Esperanza de Carril Vilagarcía. CEDIDA
Aspecto actual da rúa. CEDIDA

“O estado da rúa Esperanza en Carril é propio do século pasado e desminte a imaxe propagandística que pretende vender o goberno de Alberto Varela”, denuncia María de la O Fernández quen vén de recoller as queixas da veciñanza “polo abandono de décadas desta rúa que é un exemplo do tratamento que lle dá este goberno ás zonas ARI”.

Considera a concelleira de Podemos que “o feito de que esta situación estea a darse nun área de rehabilitación integral é especialmente grave”, e explica que “a causa inicial deste deterioro son as tubaxes antigas e que sofren continuas roturas, pero isto agrávase por ter actuado só a través de parches nunha zona que precisa dunha intervención integral”.

Informa Podemos de que “na zona se acumulan continuas bolsas de auga, incluso diante dos accesos ás vivendas” e que o estado do firme  “é catastrófico” ao atoparse cheo de sucesivas fochas que incluso provocaron rebentóns de rodas de automóbiles da veciñanza recentemente. María de la O Fernández González indica que “o Goberno Local é perfectamente consciente da situación, dado que a veciñanza incluso chegou a realizar unha recollida de sinaturas para pedir solucións e, nas últimas semanas, viñeron a cubrir as fochas nun intento desesperado de facer ver que fan algo cando só empeoran a situación”.

María de la O Fernández indica que incluirá “a substitución completa das tubaxes e unha intervención integral na rúa Esperanza á altura do seu valor como zona ARI” na súa proposta para os orzamentos e insiste en que “deben deixarse de facer obras innecesarias e de alto custe e priorizar que estean arranxadas e en condicións as rúas do conxunto de Vilagarcía” e remata dicíndolle a Alberto Varela “que baixe máis a coñecer a realidade da veciñanza en vez de tratar de maquillala nos seus vídeos propagandísticos”.