Luis López e Alberto Varela abordan unha primeira toma de contacto

O presidente da Deputación de Pontevedra e o alcalde de Vilagarcía mantiveron un encontro este mércores para analizar as liñas de investimento no municipio
Reunión entre Luis López e Alberto Varela. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Luis López e Alberto Varela estiveron reunidos máis dunha hora nas dependencias municipais. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A rolda de contactos do novo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, tivo como segunda parada o concello de Vilagarcía, logo dunha primeira visita ao alcalde de Pontevedra. Na mañá deste mércores, o presidente reuniuse na casa consistorial co alcalde vilagarcián, Alberto Varela, nun encontro de algo máis dunha hora na que ambos dirixentes tiveron a ben comentar as liñas de investimento presentes e futuras a realizar no municipio.

López agradeceu o recibimento a Varela nun lugar que ten un significado especial para o presidente. "Aquí naceron e están medrando os meus fillos, e aquí vivo". Con respecto ao falado durante o encontro, asegurou que o groso da conversación versou sobre "proxectos que se están a realizar en Vilagarcía ou retrasos en certas actuacións. En definitiva, resolver esas pequenas deficiencias para garantir unha execución o máis perfecta posible, ademais de falar de investimentos futuros e posibles liñas de colaboración".

O responsable provincial quixo transmitir ao alcalda "tranquilidade", xa que "a Deputación de Pontevedra vai reforzar o investimento cos concellos", e destacou o papel de Vilagarcía, ao estar entre as 8 cidades da provincia con máis de 20.000 habitantes, o que supón "un maior esforzo para a consecución de fondos para afrontar obras de interese para a cidadanía". “Garantimos colaboración, lealdade institucional máxima e cooperación. Todos os concellos son importantes para configurar unha provincia con moito máis futuro, no que Vilagarcía xoga un papel clave”, defende Luis López, quen puntualiza que “así como garantimos compromiso, tamén pedín ao alcalde facilidades e axilidade para materializar eses investimentos”.

Pola súa parte, Alberto Varela agradeceu ao presidente a predisposición para o encontro, "algo que é lóxico ao ser veciño, pero que aínda así agradezo". O rexedor definiu a conversa como "un primer encontro institucional", no que deu tempo a analizar "moitas cousas en común e cuestións pendentes. Entre os temas que xurdiron están a ampliación do prazo de dúas obras de gran calado no municipio: as obras na rúa Aquilino Iglesias, e os traballos no skatepark do Cavadelo. Ademáis, falouse de investimentos importantes como a biblioteca municipal ou o pabillón de Fontecarmoa. "Para Vilagarcía foi fundamental o Plan Concellos e esperamos seguir contando con eses investimentos e estou convencido de que así vai seguir sendo", explicou Varela.

Ademais, Alberto Varela solicitou o desbloqueo da situación dos parques de bombeiros provinciais, instando á Deputación de Pontevedra e as do resto de provincias a chegar a un acordo para garantir os servizos necesarios.

Plan Concellos