Goberno local, técnicos, empresa e veciños buscan solución para o transformador de Sobradelo

O peche dunha finca particular sería desprazado, permitindo a nova construción e a ampliación do campo da festa
Imaxe da reunión no Outeiro. DS
photo_camera Imaxe da reunión no Outeiro a pasada semana. DS

Onde emprazar o transformador eléctrico que demandaron os propios veciños para mellorar a calidade do subministro na parroquia de Sobradelo pode estar xa máis cerca, despois da reunión que mantiveron este martes no centro sociocultural representantes políticos e técnicos do concello, da asociación de veciños e da empresa Unión Fenosa Distribución, á súa vez integrada en Naturgy. A posible solución pasa pola cesión de terreos duns propietarios, tamén presentes na xuntanza, o que permitiría trasladar o peche dunha finca contigua ao campo da festa e, nese espazo, instalar o transformador. Unión Fenosa Distribución asumiría este traslado e tamén o asfaltado do terreo gañado. Con esta operación conseguiríase, así mesmo, ampliar a superficie do espazo veciñal de ocio, que tamén sería mellorado na parte paralela á área na que agora se pretende actuar.

Na reunión participaron, polo goberno local, a concelleira de Urbanismo, Paola María, e a tenente de alcalde, Tania García, ademais do enxeñeiro técnico municipal. A xunta transcorreu nun ambiente de moita cordialidade, con todas as partes dispostas a buscar a mellor solución. O concello agradece, por iso, a boa disposición de veciños e empresa, posto que coa solución proposta se conseguirían todos os obxectivos: o subministro eléctrico veríase sensiblemente mellorado e os veciños terían unha zona de ocio máis ampla e mellor organizada.

Nos vindeiros días, os técnicos municipa is e da empresa reuniranse de novo para estudiar polo miúdo a viabilidade da solución proposta, o que propiciaría iniciar as obras canto antes.