Lontreira, Rayden e o Festaclown completan un dos días máis especiais de San Roque

Rayden nun concerto da xira anterior. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
 A Praza da Xunqueira acollerá os dous concertos musicais gratuítos

Un dos días máis especiais das festas de San Roque de Vilagarcía de Arousa chega este luns, que haberá ata catro espectáculos integrados no Festaclown e á noite veciños e visitantes terán a oportunidade de asistir a un dos últimos concertos da xira de despedida de Rayden, que ten decidido deixar a música para centrarse na súa faceta de escritor. 

Hai apenas dous meses que David Álvarez pisou a cidade para presentar e charlar co público sobre o súa primeira novela, El acercamiento de la mujer cactus y el hombre globo, que tamén da nome a unha das súas cancións. Foi este día onde xurdiu a oportunidade de que o cantante regresara a Vilagarcía dentro da súa xira de despedida, Quiero que nos volvamos a ver por última vez, na que presenta o seu novo e derradeiro disco La victoria imposible. A actuación comezará ás 23.00 horas no parque da Xunqueira e é gratuíto.  Antes, os integrantes da banda Lontreira subirán escenario ás 21.00 horas. 

Porén, o protagonismo será do Festaclown, con catro espectáculos. Ás 11.00 horas haberá unha produción cómica e circense protagonizada por artistas de Con Eles e de actores e actrices de Clámide, na Praza de Galicia. Despois, ás 12.30, na praza de Ravella, tocará a quenda á compañía N+1, que ofrecerá un espectáculo de clown. Pola tarde, ás 19.30 horas e de novo na praza de Galicia, a compañía Píscore porá en escena Molto Barroco, unha comedia musical na que se une o humor coa música barroca; e para finalizar, ás 21.00 horas, na praza da II República, Circo no Alto demostrará a grandiosidade do sinxelo e o inxenuo cun espectáculo de acrobacias.

Próximas citas
Dende o pasado xoves 11 ata o próximo domingo día 20 de agosto Vilagarcía celebra as súas festas máis importantes, as festas de San Roque. Así, mañá, tras a resaca emocional do concerto de Rayden, a festa non rematará. 
As 11.30 horas comezará a misa do San Roquiño que tras rematar ás 12.30 horas comezará a procesión, acompañada pola Banda de Música e Os Terribles de Arousa. Ao rematar o percorrido repartirase empanada e viño. 
Pola noite, ás 21.30 horas comezará o concerto de A Xaiba no Parque da Xunqueira e ás 23.00 chegará o turno de Factoría de Subsistencia.