O lavadoiro de Vilaxoán será restaurado para resolver as deficiencias que presenta

Lavadoiro de Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
Os traballos, dunha actuación que terá un custo de 4.500 euros, centraranse en garantir a estanquidade da pía, arranxar a esclusa para que a auga circule axeitadamente, e limpar o corredor

A Xunta de Goberno Local de Vilagarcía vén de dar o visto bo ao proxecto para restaurar o lavadoiro público de Vilaxoán e resolver as deficiencias que presenta na actualidade e que dificultan o seu uso. A execución precisa dun orzamento de 4.500 euros, nunha actuación coa que o executivo atende unha petición trasladada pola veciñanza da localidade.

Os traballos a realizar céntranse en garantir a estanquidade do vaso, xa que o principal problema que rexistra é a perda de auga. Esta situación impide o correcto funcionamento do lavadoiro e afea a imaxe do conxunto ao presentar unha pía baleira e, pola contra, un corredor completamente encharcado.

Unha limpeza xeral da construcción dará inicio á intervención, retirando as plantas, entullos e lodos acumulados. A continuación arranxaranse a esclusa e a canle de evacuación, e por último illaranse e selaranse as distintas zonas do lavadoiro.

A obra conta xa coa autorización da dirección xeral de Patrimonio da Xunta, trámite preceptivo xa que o lavadoiro de Vilaxoán é un elemento da arquitectura tradicional incluído no Catálogo Municipal de Bens a Protexer. Cumprido este requisito e unha vez habilitada a partida para o seu financiamento, contrataranse os traballos que teñen un prazo de execución de 15 días.