Juan Carlos Cambas e Rosa Leiro presentan o seu novo traballo musical no Salón García

A presentación do CD Camiño Aberto terá lugar o 11 de novembro a partir das 20.00 horas con entrada libre e de balde ata completar aforo
O pianista Juan Carlos Cambas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O pianista Juan Carlos Cambas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A irmandade entre Galicia e Latinoamérica volverá quedar presente en Vilagarcía a través da música grazas ao concerto que o sábado, 11 de novembro, ofrecerán no Salón García a cantante Rosa Leiro e o pianista Juan Carlos Cambas. Con este espectáculo, o dúo presentará o CD Camiño Aberto", un traballo que reúne grandes temas da canción popular de ámbolos dous lados do Atlántico e no que colaboran artistas galegos -como Uxía, Cristian Silva e o Coro Liceo Vilagarcía- e arxentinos -como Julia Zenko, León Gieco ou o Coro UTN de Villa María, entre outros-. A actuación comezará ás 20.00 horas e a entrada é libre e de balde ata completar aforo.

Este Canto Libre de Galicia & Lationamérica é un espectáculo fundamentado no piano de Cambas e a voz de Leiro. Trátase dun concerto íntimo cun repertorio exquisitamente seleccionado no que se atopan temas tradicionais galegos versionados con sutís arranxos, como o Negra Sombra (letra de Rosalía de Castro e música de Juan Montes) ou Alí ven o Maio (Luis Emilio Batallán), e tamén referentes da música do sur de América como o tango Balada para un Loco (Astor Piazzol la) ou Los ejes de mi carreta (Atahualpa Yupanki).

No concerto do sábado 11 intervirán algúns dos artistas que colaboran no disco, así como instrumentistas invitados para enriquecer o espectáculo coa incorporación do son do violoncello, a zanfona, a gaita ou a percusión.