Isabel Blanco presenta 'Bambú', unha firme alegación contra a violencia patriarcal

A concelleira de Cultura acompañará á autora viguesa no acto aberto que se desenvolverá este venres ás 20.00 horas no Auditorio municipal
Isabel Blanco-Rivas. DS
photo_camera Isabel Blanco-Rivas. DS

A sala de conferencias do Auditorio Municipal acolle este venres, 20 de outubro, a presentación do último traballo literario de Isabel Blanco, Bambú. O libro publicado por Belagua Edicións é unha firme alegación contra a violencia patriarcal no ámbito familiar. A concelleira de Cultura, Sonia Outón, acompañará á escritora e avogada viguesa no acto no que tamén intervirá a actriz Arantxa Treus. A actividade é aberta ao público e comeza ás 20.00 horas.

Bambú é un "artefacto" que golpea e remove as conciencias a través da voz dunha muller que percorre os espazos dunha casa onde se respira o ambiente opresor da violencia exercida polo pai de familia, desde o berce, pasando pola cociña, o corredor, a sala de estar, ata o balcón, onde unha planta de bambú actúa como elemento protector.

Nesta obra, contido e continente van da man para crear ese "artefacto" que, como petardo, mina ou granada, explota nas conciencias e non deixa indiferente a ninguén, xa que a obra se presenta nunha singular edición que, entre outros detalles, leva incorporado un plano da casa despregable, realizado pola arquitecta Pepa González