O IES Armando Cotarelo fomenta o espírito emprendedor cunha xornada sobre economía social

Os mozos e mozas adquiriron novas ferramentas para a posta en marcha de proxectos de autoemprego colectivo
Alumnado do IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía na actividade 'Design Thinking'. DS
photo_camera Alumnado do IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía na actividade 'Design Thinking'. DS

O IES Armando Cotarelo Valledor de Vilagarcía acolleu na mañá deste xoves a xornada de emprendemento Tips para emprender e sobrevivir no intento coa que se busca inspirar e capacitar ao alumnado de Formación Profesional no marco dunha sociedade en constante cambio e no seu camiño do autoemprego colectivo. A xornada está encadrada dentro do programa de Aulas de Emprendemento, da Consellería de Educación.

Con esta xornada, o estudantado tivo a oportunidade de cultivar a iniciativa, a creatividade, a confianza, a responsabilidade ou a paixón, ferramentas tan necesarias para o emprendemento como para a vida. A actividade estivo organizada polo IES Armando Cotarelo Valledor, contou coa colaboración da Rede Eusumo e foi financiada a través dos fondos do Plan de Cooperación Territorial: Plan de Formación Profesional para o Crecemento Económico e Social e a Empregabilidade e pola Unión Europea-NextGenerationEU.

O evento, desenvolvido ao longo de toda a xornada lectiva, estivo integrada por tres actividades conducidas por especialistas en economía social e Design Thinking. Co foco posto na participación, os mozos e mozas achegáronse ao proceso emprendedor e ás etapas e recursos chave que o compoñen a través de varios xogos de escape room.

Seguidamente, puideron coñecer as fórmulas xurídicas de autoemprego colectivo da economía social, as súas características principais e diferenzas, co propósito de facilitar decisións informacións á hora de emprender un proxecto. A economía social persegue o equilibrio entre a eficiencia económica e a xustiza social, abordando desafíos de índole social e ambiental e primando o benestar das persoas sobre o capital. Esta perspectiva económica, baseada nos principios da solidariedade, a sustentabilidade, a igualdade e a xestión democrática, eríxese como un piar fundamental do desenvolvemento sostible.

Como actividade de peche, e baixo o título Pensamos fóra da caixa! Buscando modelos de negocio innovadores, o estudantado traballou en grupos na resolución dun desafío cunha problemática común seguindo o proceso de Design Thinking. “Formar ao estudantado de Formación Profesional en emprendemento en economía social é crucial, xa que lles brinda as ferramentas necesarias para impulsar proxectos que non só xeren beneficios económicos, senón que tamén contribúan á mellora da sociedade”, destacaron desde o centro.