A humanización de Aquilino Iglesia afronta a última fase co formigonado

O acondicionamento da zona verde e de xogos será a última fase
Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS
photo_camera Calle Aquilino Iglesia. DS

A humanización de Aquilino Iglesia entra esta semana nunha fase que xa permitirá á veciñanza facerse unha clara idea da imaxe que terá a rúa ao remate das obras. O formigonado das beirarrúas e da calzada que se está acometendo estes días aportará unha sensación de amplitude que se pronunciará aínda máis cando Fenosa retranquee a torre do tendido eléctrico á nova aliñación. Como paso previo á retirada da instalación, estes días comezan tamén os traballos de baixado e soterramento dos cables do alumeado público e do subministro eléctrico, de xeito que as instalacións estean listas para cando veña o persoal de Fenosa a desprazar o poste.

As labores de formigonado non alterarán a situación actual do tráfico rodado, nin tampouco o acceso a garaxes e ao párking do supermercado. Tras a execución do tramo de beirarrúa que discorre entre o cruce coa rúa Os Duráns e a entrada ao aparcamento do supermercado, este xoves está previsto continuar o formigonado dende este punto ata a confluenza con Eduardo Pondal. As labores circunscríbense á zona da beirarrúa e da calzada, deixando sen tocar, polo momento, a franxa de terreo na que se habilitará a zona verde e de xogos. Será por aquí por onde poidan transitar os vehículos neste tramo das obras.

A previsión é que a principios da próxima semana, as labores de formigonado se trasladen ao tramo de beirarrúa da rúa Os Duráns que vai dende a Praza de Xoán XXIII ata a intersección con Aquilino Iglesia.

Rematadas estas tarefas e xa coa calzada perfectamente formigonada e consolidada, será cando comece a construción da zona de esparexemento de Aquilino Iglesia. Neste espazo exclusivo para os peóns habilitaranse bancadas coas que crear unha liña de xogos de axilidade especialmente pensada para o divertimento dos nenos e nenas. A intervención completarase co axardinamento a base de grupos de gardenias situados xunto cada banco e que contarán con rego programado. Por último colocaranse papeleiras e novas luminarias de tecnoloxía led.

Unha nova intervención de rexeneración urbana no barrio dos Duráns

Ravella inviste 174.000 euros na humanización do primeiro tramo da rúa Aquilino Iglesia, intervención deseñada pola arquitecta Lucía Araújo e que executa a empresa Moncosa OHS. O proxecto busca gañar espazos para o peón, mellorar a imaxe, a accesibilidade e a seguridade viaria na rúa. A intervención forma parte do plan de rexeneración urbana que o goberno de Alberto Varela puxo en marcha hai uns anos coa reforma da rúa Os Duráns, e que, rematada a obra en marcha, ten previsto continuar co segundo tramo de Aquilino Iglesia.