Greenpeace regresa en xuño a Vilagarcía co buque Arctic Sunrise

Responsables da organización ecoloxista reuníronse coa tenente de alcalde para organizar as actividades a desenvolver durante a escala na cidade
O Arctic Sunrise de Greenpeace. DS
photo_camera O Arctic Sunrise de Greenpeace. DS

O Concello de Vilagarcía volverá a colaborar con Greenpeace de cara á celebración das actividades a desenvolver con motivo da visita que o buque do grupo ecoloxista, Arctic Sunrise, realizará no mes de xuño á cidade no marco da súa campaña de protección dos Océanos e na defensa da pesca artesanal e sostible. Co obxectivo de repetir o éxito acadado en 2019, cando o emblemático Rainbow Warrior fixo escala no porto vilagarcián, responsables da organización activista mantiveron unha reunión coa tenente de alcalde, Tania García, para ir planificando as posibles iniciativas a levar a cabo como complemento ás visitas guiadas ao barco.

En representación de Greenpeace participaron no encontro Manoel Santos, coordinador de Greenpeace Galicia; Marta Martín-Borregón, responsable da campaña de Océanos e Pesca de Greenpeace España; e Mariló Ramos, coordinadora de voluntariado da delegación da ONG en Arousa.

Campañas informativas e de sensibilización

A visita do Arctic Sunrise forma parte das campañas informativas e de sensibilización que desenvolve periodicamente o colectivo ecoloxista e pacifista e que, neste caso concreto, leva trata sobre a protección do s océanos a través da pesca artesanal e sostible. Ademais de abordar esta temática, a escala aproveitarase para dar coñecer a labor de Greenpeace e as misións que leva a cabo por todo o mundo, para o que se organizarán visitas guiadas ao barco co que a organización leva operando dende 1996, primeiro na campaña das plataformas petrolíferas do Mar do Norte, e despois nas do Mediterráneo. Aínda por pechar as datas e a duración da escala en Vilagarcía, a previsión é que o atraque se produza durante a segunda quincena de xuño.

5.000 visitas ao buque insignia

Malia ser menos coñecido que o Raibown Warrior, o Arctic Sunrise tamén ten moito simbolismo, xa que pasou de ser un pesqueiro de focas a formar parte da flota do colectivo cuxa misión é defender e protexer a natureza. Para facerse con el en 1995, Greenpace tivo que adquirilo de forma encuberta, usando unha compañ 37;a pantalla, xa que doutro modo os propietarios non llo venderían tendo en conta que o buque fora obxectivo da organización ecoloxista cando realizaba unha entrega de material ao goberno francés para construír unha pista de aterraxe a través dunha zona poboada por pingüíns na Antártida.

Construído en 1975, o Arctic Sunrise é unha motonave de 948 toneladas, 49,6 metros de eslora e 11,5 de manga, que alcanza unha velocidade máxima de 13 nós. Adaptado para as misións do grupo activista, conta con 18 liteiras para a tripulación, porta 2 zódiacs grandes ríxidas, 2 pequenas inchables e dispón de capacidade para helicóptero.

Unha liña de colaboración iniciada en 2019

Como xa aconteceu nas anteriores veces, o goberno local de Vilagarcía amosou a súa plena disposición a colaborar con Greenpeace nesta nova acción prestando apoio loxístico e facili tando infraestruturas para o desenvolvemento de actos. As políticas medioambientais e coidado do medio ambiente son dúas liñas de traballo prioritarias do executivo presidido por Alberto Varela, que aplica os criterios de sustentabilidade de forma transversal a todas as iniciativas que se desenvolven dende o Concello.

Neste marco e con esta filosofía, o Concello iniciou en 2019 unha liña de colaboración con Greenpeace, entidade que xa ten realizado varias accións na capital arousá. A primeira foi a visita que o seu buque insignia, o famoso Rainbow Warrior, fixo en 2019 no marco da campaña "En marcha polo clima". Daquela, o barco recibiu 5.000 visitas, o colectivo desenvolveu obradoiros e mantivo reunións con distintas formacións políticas e sociais, e tamén se celebrou un multitudinario concerto polo clima no que participaron Depedro, Uxía e Maika Makovski.

En 2022, o voluntariado de Greenpeace desenvolveu en Vilagarcía unha campaña informativa e de apoio ao Tratado Global dos Océanos, e en 2023 a organización proxectou no Salón García o documental "Santuario", reivindicando a protección da Antártida a través dos ollos de Javier e Carlos Bardem durante os meses que compartiron con activistas de Greenpeace no continente xeado.