O Goberno local eleva un 10% a colaboración económica co Curtas o vindeiro ano

A medida plasmarase nos orzamentos municipais que se están a elabora
Curtas Festival do Imaxinario en Vilagarcía. DS
photo_camera Curtas Festival do Imaxinario en Vilagarcía. DS

O goberno local de Vilagarcía recollerá nos orzamentos municipais de 2024 un incremento do 10% na súa colaboración económica ao CURTAS-Festival do Imaxinario. Con esta medida o Goberno local reafirma o seu compromiso co festival audiovisual que dirixe Luis Rosales e que, pese a terse convertido nun evento de gran envergadura e de talla internacional, carece de calquera tipo de axuda por parte da administración autonómica.

O executivo vilagarcián incrementou a achega municipal para a súa organización dos 11.450 euros que se concedían en 2016, aos 50.000 euros das últimas edicións. Agora, en vista das dificultades que atravesa o certame, esta suma incrementarase un 10% co convenio a asinar en 2024, que pasará a estar dotado con 55.000 euros.

Dende Ravella esperan que con este xesto, xunto coa moción promovida polo grupo municipal socialista e aprobada coa unanimidade da Corporación Municipal, a Xunta de Galicia busque a fórmula que conveña (patrocinio, convenio…) para contribuír ao financiamento do certame cunha cantidade significativa e acorde á dimensión, prestixio e repercusión que ten o evento, que é o festival máis antigo de Galicia e o segundo máis importante de España no que ao xénero fantástico se refire. "E Malia todo, non recibe nin un só euro por parte da Xunta, a diferenza do que acontece con outros certames audiovisuais", sinalan dende o grupo municipal.

Despois de estar a piques de desaparecer hai uns anos, o CURTAS renaceu das súas propias cinzas e con máis forza que nunca da man de Luis Rosales e da colaboración do Concello co actual goberno. A partir de entón, o festival adquiriu unha nova dimensión, tanto no aspecto cuantitativo como no cualitativo, chegando a súa internacionalización. De feito, ademais dos centenares de audiovisuais procedentes de todo o mundo que se presentan cada ano ao concurso -e que se poden visualizar no Salón García-, o festival trae á cidade a grandes figuras nacionais e internacionais do cine e do cómic, e inclúe decenas de actividades paralelas e exposicións abertas a todo o público e que son visitadas cada ano por milleiros de persoas.