O Circo Máxico de Nadal recala en Vilagarcía con dúas funcións a prezos populares

O espectáculo da recoñecida compañía La Fiesta Escénica porase en escena o sábado 16 de decembro en sesións de 17.00 e 20.00 horas
Representación do Circo Máxico de Nadal. DS
photo_camera Representación do Circo Máxico de Nadal. DS

O Auditorio de Vilagarcía acolle o sábado, 16 de decembro, un espectáculo cheo de fantasía e ilusión. Trátase do Circo Máxico de Nadal, unha nova proposta da recoñecida compañía La Fiesta Escénica, que fará as delicias de grandes e pequenos. Un espectáculo para toda a familia que os vilagarciáns poderán presenciar ao prezo reducido de 3 euros e do que se ofrecerán dúas funcións para que ninguén se quede sen velo. Serán ás 17.00 e as 20.00 horas. As entradas pódense adquirir xa a través de Ataquilla (máis custes de xestión) e de non esgotarse, o día da función dende ás 15.00 horas para o primeiro pase e dende as 18.00 para o segundo.

Combinando teatro de actores, con música, bonecos animados e números circenses, o Circo Máxico de Nadal crea unha historia ambientada nun pequeno obradoiro de xoguetes que está a piques de pechar por falta de traballo. O dono, un artesán moi maior, non pode agochar a tristura e a preocupación que lle supón saber que non ten quen siga coa tradición familiar cando el o deixe. Sorprendentemente, as cousas comezan a cambiar a poucos minutos do peche do obradoiro, cando aparece un neno cun encargo moi especial: a construción dun xoguete de grandes dimensións nun tempo récord. Así comeza esta gran aventura na que, pouco a pouco se irá desvelando o obxec tivo desta creación, e onde o traballo en equipo resulta esencial para cumprir un encargo que semellaba imposible de realizar.

Con este argumento constrúese unha historia onde a colaboración é o eixo central, onde o amor e o traballo en conxunto son os ingredientes para esta gran construción de dimensións máxicas.