Aberta a inscrición para as actividades deportivas de adultos e escolas infantís

O trámite para calquera das modalidades pode realizarse ata o 2 de outubro a través da sede electrónica do Concello
Curso de los Alumnos de Acondicionamento Físico de Vilagarcía del CIFP Fontecarmoa. DS
photo_camera Curso do alumnado de Acondicionamento Físico do CIFP Fontecarmoa. DS

A Fundación de Servizos Deportivos do Concello de Vilagarcía de Arousa vén de abrir o prazo de inscrición nas actividades deportivas que se desenvolverán ao longo da tempada 2023/24. Para o público infantil e xuvenil impartirá as tres escolas tradicionais en función das idades (psicomotricidade, multideporte e de deporte base) e para os adultos os programas Activo MaiorMente, destinado ás persoas de máis idade, e o Vilagarcía EnForma, no que se ofertan seis disciplinas deportivas diferentes.

As inscricións deberán realizarse a través da sede electrónica do Concello, na sección da Fundación de Deportes, ata ás 23.59 horas do día 2 de outubro. As cotas a abonar son as mesmas que dende hai anos: 12 euros polo curso completo nas escolas deportivas infantís e 18 por trimestre nas de adultos. Tamén se mantén a gratuidade para as persoas que teñan sacado o carné da Fundación e para as familias que teñan ingresos inferiores ao IMPREM, e poderán beneficiarse de bonificacións do 25% as familias numerosas e do 50% as persoas con ingresos inferiores ao IPREM.

A oferta para a rapazada consiste na Escola de Psicomotricidade, para os nenos e nenas más cativos, os nacidos nos anos 2018 e 2019; na Escola de Multideporte , para que a rapazada nacida entre os anos 2014 e 2016 teña un primeiro contacto con diferentes disciplinas a través de xogos predeportivos; e nas Escolas Deportivas de Base, destinada a mocidade nacida do 2007 ao 2013, e nas que se ofertan as modalidades de atletismo, baloncesto, pádel, patinaxe, taekwondo, xadrez e ximnasia rítmica. Neste último programa, os participantes poderán elixir un máximo de dúas actividades.

O proxecto Activo MaiorMente diríxese a persoas maiores de 65 anos e ten como obxectivo principal contribuír ao mantemento da condición física e dos aspectos cognitivos sensibles de alterarse ao longo do proceso de envellecemento. Ademais, busca potenciar a socialización entre as persoas maiores e, en xeral, o mantemento da súa autonomía durante o maior tempo posible. Este programa consta dos servizos deportivos de clases dirixidas de ximnasia funcional.

Pola súa banda, o Vilagarcía EnForma está deseñado para mellorar e manter a condición física, o benestar psíquico e a sáude en xeral das persoas adultas. Os interesados poderán elixir ata un máximo de dúas actividades de entre as seis que se impartirán: aerobic, estiramentos e relaxación, ioga, pilates, ximnasia acuática e ximnasia de mantemento.

A tempada deportiva comezará o día 9 de outubro e as actividades impartiranse ao logo de todo o curso, ata o 31 de maio.