Festivala encherá de música feminista a Vilagarcía durante a fin de semana

A sétima edición do certame organizado pola asociación O Soño de Lilith conta con feira, actuacións e obradoiros sobre apoderamento sexual ▶ Azúcar Moreno e Sés encabezan o cartel
Cartel de Festivala en Vilagarcía. DS
photo_camera A edición deste ano terá como protagonista á folclórica Lola Flores. DS

O vindeiro venres 25 e sábado 26 de agosto Festivala: Mulleres Creando encherá de música a praza da II República de Vilagarcía. Como cada ano, este certame reivindicativo organizado pola asociación feminista O Soño de Lilith dedica a edición a unha figura ou temática feminista. Neste caso a Lola Flores, unha folclórica que defendeu os dereitos LGTBI+, a sororidade e a independencia económica das mulleres. O venres 25 de agosto as DJ serán as protagonistas da noite.

Por unha banda, Señora DJ, unha artista que precisamente naceu en Festivala e que a día de hoxe triunfa en moitos festivais do país. E por outra, Yaya DJ, tamén de Vilagarcía e coñecida por pinchar temas “dos de antes” mesturados cos de agora: de Rocío Jurado a Rosalía. Todo un éxito. O sábado veñen os pratos fortes con O Rabelo e As Lembranzas na sesión vermú, que comezará ás 12.00. E xa a partir das 20.30, Azúcar Moreno, Sés e La Negri pecharán a xornada. A actriz Isabel Risco será a presentadora de Festivala 2023. Ambos días estará dispoñible a feira en toda a praza, así como as foodtruck para que os asistentes a Festivala non teñan que abandonar o recinto para ter que comer ou cear fóra. 

Na Praza Galicia xa está dispoñible a exposición Apoderamento e sexualidade, que fai un repaso da orixe do certame, O Soño de Lilith, o feminismo interseccional ou as folclóricas galegas. 

Proximamente terá lugar a proxección da película Venus: confesiones desnudas en colaboración co Cineclube Adega, e un obradoiro organizado pola psicóloga e sexóloga Hadriana Ordóñez. A actividade será de balde, como todas as de Festivala. 

As organizadoras recoñecen que o evento é cada vez máis coñecido e recoñecido polas institucións. “Queremos que as rúas de Vilagarcía durante estes días se enchan de feminismo e de reivindicación dende a música e a arte, pero sobre todo, estamos para pasalo ben”, apuntan. “Festivala é un festival pioneiro en Galicia que cada ano pon enriba da mesa un tema no que hai que insistir: as mulleres e outras disidencias como cabezas de carteis. O que máis nos gusta é o feedback que recibimos da xente. Vemos persoas de todas as idades e doutras cidades de Galicia. Estamos moi contentas co resultado, e este ano apunta a ser prometedor”, explican dende a asociación.