Fajardo reclama a Servizos Sociais que aclare os custos “reais” das obras de Jaureguízar

O representante de En Común respondeu ás acusacións de Tania Fernández nas que aseguraba que "debe ser o único que non se decatou de que a Casa Jaureguízar terá uso social"

 

Juan Fajardo. EP
photo_camera Juan Fajardo. EP

Continúa o cruce de acusacións entre o Goberno local e Vilagarcía En Común logo de que Juan Fajardo pedira que a Casa Jaureguízar se destinara aos servizos sociais. A reposta da portavoz do goberno e concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Tania García, foi pedir "un pouco máis de rigor na súa labor de oposición, xa que o señor Fajardo debe ser o único que non se decatou de que esa Casa se adquiriu, precisamente, para destinalo a usos sociais, e en concreto á atención ás persoas maiores".

Desta vez foi Fajardo o que contestou ás palabras da concelleira, afirmando que "o goberno de Vilagarcía segue máis preocupado pola propaganda que pola xestión e por iso perde o tempo en contestar parvadas en lugar de explicar á cidadanía que é o que, de verdade, ten previsto facer coa casa Jaureguízar".

"A concelleira Tania García gasta máis tempo en preparar notas de prensa copiando datos dun plano que en dicirlle á veciñanza que todas as reformas que anuncian non se van poder facer porque custan moito máis do que din e o concello xa enterrou os cartos en comprar solares no Porto de Vilagarcía", sinalou o representante de En Común.

Dende a formación da oposición piden a García que explique, entre outras cousas, "cales son as administracións envolvidas, cal é o tipo de reforma que se pretende realizar e, sobre todo, cal vai ser o custo de reforma". Juan Fajardo reclamou a García Sanmartín que explique “o custo real desas obras das que fala, que explique os prazos de realización para que todo iso que di sexa algo máis que propaganda dun goberno que oculta a súa escasa capacidade operativa”.

Queremos que explique o custo real desas obras das que fala e os prazos de realización

Acusan a Ravella de empregar os cartos destinados a esta Casa para adquirir uns terreos no Porto de Vilagarcía. Para Juan Fajardo, o que deberían facer tanto a concelleira como o alcalde ou calquera do grupo de goberno é explicar “canto de reducidas van quedar as contas do concello por culpa desa operación de compra duns terreos que poderían ter sido gratis, a cantas cousas vai ter que renunciar a cidadanía por causa dunha operación ruinosa para o concello”, sentenciou.