Tania García arremete contra o portavoz de En Común pola uso da Casa Jaureguízar

"O portavoz de En Común debe ser o único que non se decatou de que a Casa Jaureguízar terá uso social", afirmou a portavoz do goberno local lembrando a Fajardo que os Servizos Sociais non poden ir nese edificio "porque, simplemente, non caben"
Casa Jaureguízar en la actualidad. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Casa Jaureguízar en la actualidad. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A portavoz do goberno e concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Tania García, reclama de Vilagarcía En Común, e en especial do seu portavoz, un pouco máis de "rigor na súa labor de oposición", despois de que Juan Fajardo pedira que a Casa Jaureguízar se destinara aos servizos sociais. "A estas alturas", argumenta a voceira do goberno local, "o señor Fajardo debe ser o único que non se decatou de que esa Casa se adquiriu, precisamente, para destinalo a usos sociais, e en concreto á atención ás persoas maiores".

Aseguran dende o Goberno local que "unha simple ollada á hemeroteca ou mesmo aos expedientes municipais, bastaríalle para saber que a Casa Jaureguízar foi adquirida ao Plan Nacional contra as Drogas por 170.000 euros, e que o proxecto de rehabilitación xa foi adxudicado, realizado e remitido a Patrimonio para a súa avaliación". "E se enteraría, ademais, de que este concello xestiona con outras administracións a financiación necesaria para a rehabilitación do inmoble", sinalan dende Ravella.

Tania García insiste na falta de rigor do portavoz de En Común, que non se circunscribe unicamente a este asunto, "cando fala agora de que a Casa Jaureguízar pode destinarse a acoller os servizos sociais municipais. Se tivera un mínimo de interese por documentarse para non caer na demagoxia, sabería que os servizos sociais municipais non poden emprazarse nese inmoble porque, simplemente, non collen". A superficie do edificio é de 202 metros na planta baixa, 169 na segunda e 62 no baixo cuberta, en total, 433 metros, aos que habería que restar o ascensor, a escaleira, aseos, etc étera.

"Precisamente porque os servizos sociais foron a máis nestes últimos anos e grazas a este goberno, foi necesario buscar un novo local, que, efectivamente, atopamos nos Duráns, que case duplica en metros útiles aos da Casa Jaureguízar. Se o señor Fajardo cree que con 300.000 euros se pode rehabilitar un edificio e una finca como a dos Jaureguízar (700 metros sumando un e outra), entón xa se comprende un pouco máis cal é o rigor das súas críticas ou ‘propostas’ alternativas", conclúe García Sanmartín.