Vilagarcía, testemuña das mellores iniciativas desenvoltas con Fondos Europeos

Baixo o lema #EuropaSeSienteVilagarcía, a cidade acollerá este venres unha intensa axenda de actividades para todo tipo de públicos que se centralizarán no Auditorio e a praza da II República 
Auditorio de Vilagarcía DS
photo_camera O Auditorio de Vilagarcía acollerá a meirande parte das actividades. DS

Tras a reunión de técnicos chegados de distintos lugares do territorio nacional que ten lugar na tarde deste xoves no Auditorio, Vilagarcía acollerá este venres o Acto Anual de Comunicación dos Fondos Europeos en España e a entrega dos premios ás mellores iniciativas desenvolvidas con financiamento da UE. Co lema #EuropaSeSienteVIlagarcía e o Auditorio como epicentro, a capital arousá ferverá de actividades ao longo de todo o día.

A axenda abrirase a primeira hora da mañá co acto institucional de benvida ao que seguirá a intervención dos centros educativos e a entrega dos premios aos mellores proxectos. E xa pola tarde, a xornada rematará cunha gran festa pública na praza da II República que comezará ás 19.30 horas e á que porá o colofón o concerto das Tanxugueiras.

O alcalde, Alberto Varela, será o encargado de dar a benvida aos máis de 250 técnicos e responsables políticos desprazados de diferentes lugares de España para participar no Acto Anual de Comunicación dos Fondos Europeos que por primeira vez sae de Madrid, e que contará cos presenza da secretaria general de Fondos Europeos, Mercedes Caballero. Ás 9.30 horas comezarán os concursos EuropaSeSienteJoven, nos que alumnado dos centros educativos de Vilagarcía amosarán os seus coñecementos sobre a composición, funcionamento, filosofía e beneficios da UE a través dun quiz show e da elaboración dun mural.

Ás 11.00 horas comezará a presentación individualizada dos 18 proxectos finalistas nas seis categorías creadas e, tras unha votación por parte de todos os asistentes, procederase á entrega dos premios.

Todos os actos da mañá poderán seguirse online a través do seguinte enderezo.

Os proxectos finalistas son:
Na categoría #EuropaSeSiente Competitiva:
- Incubadora 3D Printing
- Cajamar Innova: In cubadora de Alta Tecnología en Agua
- Valornature: Centro de excelencia en materiales sostenibles avanzados

Na categoría #EuropaSeSiente Verde:
- RE-MAR III: Reducción de residuos en el Arco Atlántico Gallego
- Change Makers: Agentes de Transformación Circular
- VITISAD: Adaptación citícola al cambio climático

Na categoría #EuropaSeSiente Conectada:
- Pasarela sobre el río Tormes
- Bus Eléctrico Inteligente (BEI) en Vitoria-Gasteiz
- Smart village: Pueblos inteligentes en Extremadura

Na categoría #EuropaSeSiente Social:
- CAPACITATIC+55: Capacitación digital para mayores de 55 años
- INTEGR@TENCIÓN
- UNIDIVERSIDAD

Na categoría #EuropaSeSiente Cercana:
- Cielos de Sierra Morena
- Extensión de banda ancha en municipios de Asturias
- Museos Vivos

E na categoría #EuropaSeSiente NEB:
- Centro de Formación y Emprendimie nto Tormes+
- Pont de Sarajevo, puente verde
- JARCULTUR: Jardines histórico transfronterizos

Os fondos europeos en Vilagarcía

Os veciños e veciñas de Vilagarcía, así como o resto de asistentes, tamén poderá achegarse aos proxectos finalistas a través da exposición instalada na Praza da II República. A mostra conta cun espazo especial para as actuacións realizadas nos últimos anos en Vilagarcía con financiamento europeo e que contribuíron a modernizar, humanizar, avanzar en materia de sustentabilidade e mellorar a calidade de vida na nosa cidade, así como a achegar as novas tecnoloxías ao conxunto da poboación rompendo a brecha dixital. Proxectos como o paseo de Canelas, a praza da Independencia, a creación do Punto de Atención Dixital de Arcebispo Lago, a obra da nova biblioteca ou a reforma do pavillón de Fontecarmoa recóllense na exposición, así como os tanques de tormenta, a futura construción do centro de saúde ou a ampliación da EDAR, obras tamén estas que se financian con fondos europeos.

En Vilagarcía "non hai fronteiras"

Este evento de ámbito nacional rematará ao grande, nun clima plenamente festivo e cantando o "non hai fronteiras" do tema Terra das Tanxugueiras. O popular trío, que vén de revolucionar a música tradicional galega e de dala a coñecer por toda España, ofrecerá un concerto a partir das 20.30 horas na praza da II República. Será aberto e de balde para que todos os vilagarciáns poidan participar desta gran celebración europeísta.

A festa comezará unha hora antes, ás 19.30 horas cun espectáculo multidisciplinar e de estilo circense. Nel, Don Gelatti"ofrecerá un número de maxia e humor, o colectivo Vella Escola, fará unha exhibición de break dance, a compañía Sempre Arriba asombrará ao público con acrobacias aderezadas con humor romántico, e as vertixinosas acrobacias aéreas de Desastronauts deixarán o listón ben alto para recibir ás Tanxugeiras.