EU solicita a paralización das obras de Mercadona para preservar os restos achados

Argumentan que a Lei de Patrimonio contempla paralización das obras, para estudar a catalogación como BIC dos achados arqueolóxicos, que permitiría recuperar o 100% do lugar para uso público
Obras no novo Mercadona en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Obras no novo Mercadona en Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Os novos descubrimentos arqueolóxicos nas obras que se están a realizar no Castro de Alobre despertaron a resposta da oposición de Vilagarcía. Tal e así que Esquerda Unida insta a Ravella a que paralice as obras do novo Mercadona, argumentando que "non parece razoable situar unha superficie comercial no entorno do que pode ser o maior resto arqueolóxico de Vilagarcía e un dos máis importantes da comarca".

Ante isto, a formación liderada por Juan Fajardo, dirixiuse ao goberno local para que explore todas as posibilidades legais para recuperar a totalidade da parcela, xa que a súa conservación e musealización ao carón dun espazo "tan pouco estético como un novo centro comercial", suporía un "deterioro na súa imaxe e a súa capacidade de atracción para o noso Concello".

Así, existindo posibilidades legais de reverter a situación, esixen ao Goberno local que explore todos os mecanismos legais para facelo posible. "A propia Lei de Patrimonio da a posibilidade ao Estado de paralizar as obras de calquera tipo ante novos achados arqueolóxicos de relevancia, que de confirmase poderían ser considerados como BIC e polo tanto mudar a consideración urbanística de toda a contorna", explican.

Neste sentido, engaden, "parece máis razoable solicitar a paralización das obras, para esixir que unha nova entidade analice a importancia e ocupación dos restos, xa que non se entende que estes non foran atopados nas catas e estudios previos que supostamente realizou a empresa antes de iniciar as obras". Desta forma, os informes de patrimonio da Xunta carecen de valor por estar referidos a situacións anteriores que non teñen nada que ver coa relevancia dos novos descubrimentos, e que polo tanto poderían con levar a revisión de todo o expediente.

Dende Esquerda Unida cren que Vilagarcía "non se pode permitir seguir perdendo patrimonio e personalidade e por iso esiximos celeridade na toma de decisión que eviten actuacións irreversibles".

"Entendemos necesario que a propia administración encargue un estudio independente que elimine as dúbidas que poida suscitar que a mesma firma que non atopou estes novos restos en todo o proceso anterior, estea agora realizando novos estudios e achados". Rematan engadindo que "estamos ante un caso evidente de execución de arqueoloxía preventiva  A recuperación dunha parte da parcela, sen a totalidade da contorna, suporía a perda de contextualización do xacemento, que perdería harmonía co resto do espazo ao convivir con un modelo de espazo comercial brutalista e pouco estético".