Ravella buscará musealizar os restos arqueolóxicos achados no solar de Mercadona

O executivo local negocia coa multinacional a posta en valor destes novos vestixios para que non sexan soterrados
Obras en el nuevo Mercadona de Vilagarcía, donde se han encontrado restos arqueológicos del Castro de Alobre. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera As obras do novo Mercadona continúan á espera de saber que vai pasar cos restos arqueolóxicos. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía xa mantivo varias reunións cos responsables de Mercadona para garantir que os novos restos arqueolóxicos atopados no solar da avenida Valle-Inclán sexan conservados e musealizados. O goberno local defende que a antiga porta que comunicaba o Castro de Alobre co mar debe permanecer ao descuberto e incorporarse ao patrimonio local para o disfrute público de todos os vilagarciáns. Baixo esta premisa, estanse a desenvolver as xestións coa cadea de Juan Roig, de xeito que o convenio que habería que asinar para a posta en valor dos restos da cetárea romana achada anteriormente, inclúa unha actuación semellante para a porta marítima.

O executivo que preside Alberto Varela destaca a relevancia e valor dos vestixios que están saíndo á luz no solar situado ao pé do castro, no lateral que linda co xardín botánico Enrique Valdés Bermejo, de aí a necesidade de deixalos ao descuberto e musealizalos para que Vilagarcía poida seguir coñecendo máis sobre as súas orixes e a forma de vida dos seus primeiros poboadores. Polo tanto, Ravella rexeita por completo a posibilidade de que a porta simplemente se documente e se volva a soterrar. "Nin o goberno nin a cidadanía de Vilagarcía entenderían que se apostase por unha medida que non permitise gozar e admirar o patrimonio local". Como se sabe, a solución final a adoptar dependerá do que autorice a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia.

O emprazamento dos restos no lateral dos xardíns Enrique Valdés Bermejo, nunha zona que non se ve afectada polo edificio que acollerá o supermercado, facilitaría a integración da zona arqueolóxica neste parque, dando continuidade ao xacemento do Castro de Alobre e permitindo unha maior comprensión da importancia que para os seus habitantes tiña o comercio marítimo e a explotación dos recursos do mar, actividades ás que se accedía directamente a través da porta recentemente exhumada.