Espina & Delfín aproveitará a madrugada do mércores ao xoves para renovar parte da rede de subministro da Avenida das Carolinas

As zonas afectadas polo corte de auga son o centro de Vilagarcía e as avenidas das Carolinas, Xoán Carlos I, Cambados e Dr Tourón, ademais de Rubiáns e Cornazo
Sinal de stop ante unha zona en obras. DS
photo_camera Sinal de stop ante unha zona en obras. DS

Unha boa parte do casco urbano de Vilagarcía sufrirá na madrugada do mércores 12 de xullo ao xoves 13 un corte de subministro de auga. A causa será a renovación de parte das conducións da rede xeral de subministro á poboación ao seu paso pola Avenida das Carolinas.

A antigüidade da rede neste punto é causa de numerosas avarías e os conseguintes cortes. Por iso, a empresa concesionaria do servizo, de acordo co concello, decide intervir para renovar unha parte das tubaxes. Deste xeito, a actuación supón unha prevención antes que ter que intervir cando se produza unha nova rotura, un risco evidente tendo en conta a antigüidade.

Os técnicos confían en poder realizar as obras en pouco tempo, escollendo para iso as horas de menos consumo, na madrugada, a fin de causar as menores molestias. As zonas afectadas serán a propia Avenida das Carolinas, ademais das de Xoán Carlos I, Dr. Tourón e Cambados, as rúas do centro de Vilagarcía e as parroquias de Cornazo e Rubiáns.



Tanto Espina & Delfín coma o propio concello piden desculpas polos trastornos causados, pero tamén comprensión diante dunha intervención que vai previr incidentes futuros, ademais de mellorar a calidade do servizo.