Sete empresas optan a continuar coa humanización dos Duráns

A remodelación do primeiro tramo da rúa Aquilino Iglesia licítase por importe de 178.756 euros
Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS
photo_camera Rúa Aquilino Iglesia Alvariño en Vilagarcía. DS

Os servizos técnicos do Concello de Vilagarcía están xa avaliando as sete propostas que concorreron á licitación da obra de humanización do primeiro tramo da rúa Aquilino Iglesia Alvariño. A actuación, que precisa dun investimento de 178.756 euros, permitirá continuar a rexeneración urbanística do barrio dos Duráns mediante a transformacións da vía nun espazo agradable, seguro, accesible e con prioridade peonil, facilitando o tránsito das persoas cara a zona verde e de esparexemento de Os Duráns. Unha vez adxudicado e asinado o contratro, a empresa disporá de seis meses para executar os traballos.

O proxecto encargado polo Concello á arquitecta Lucía Araújo afectará ao primeiro tramo de Aquilino Iglesia, o que vai dende a rúa Os Duráns –a primeira que se humanizou- ata a intersección coa de Eduardo Pondal. Na encrucillada con está última derribarase o muro que estreita a vía e que na actualidade conforma un perigoso pescozo de botella.

Cos traballos proxectados actuarase sobre 942 metros cadrados de superficie que se conformarán nunha vía de plataforma única na que o uso de vehículos limitarase ás entradas a garaxes, así como ao párking do supermercado. A circulación permitirase nun único sentido e a través dun carril que terá 3 metros de ancho en toda a súa lonxitude. A zona transformarase nunha zona axardinada, dotada de mobiliario urbano que se utilizará para crear unha liña de xogos de axilidade especialmente pensado para o divertimento dos nenos e nenas. O solado construirase con pavimento continuo de formigón fratasado a máquina con diferentes acabados e texturas.

A actuación prevé a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e pluviais, e soterrarase o tendido do alumeado público e as canalizacións dos servizos de telecomunicacións.