Detido un mozo de 22 anos por romperlle un brazo á súa nai e arrastrala fóra da casa

A Policía Local en colaboración coa Nacional tamén detivo esta noite a un home que agrediu á súa parella o ao cuñado desta cando acudiu a socorrela
Imagen do barrio de Os Duráns. GSV
photo_camera Imagen en el barrio de Os Duráns. GSV

A Policía Local de Vilagarcía en colaboración con efectivos da Policía Nacional practicou na pasada noite dúas detencións por dous casos de agresión con lesións que tiveron lugar con escasos minutos de diferenza, pero en diferentes puntos do municipio. No barrio dos Duráns detiveron a un mozo de 22 anos como responsable da fractura de úmero sufrida pola súa nai, mentres que na Rúa Boza de Arriba procederon a deter a un home de 56 anos pola suposta agresión a súa parella e ao cuñado desta cando acudiu a socorrela.

A detención de C.M.B. produciuse despois de que a Policía Nacional fose alertada dende o Hospital do Salnés, onde se atopaba unha muller de 51 anos que fora atendida dunha fractura no brazo ocasionada por unha suposta agresión por parte do seu fillo. Na entrevista cos axentes, a muller explicou que a iso das oito da tarde o seu fillo a golpeara e a sacara da vivenda, deixándoa tendida no corredor do edificio, ferida e sen prestarlle auxilio. Segundo consta no parte, pese aos forte dolores que sufría puido desprazarse arrastro ata outro andar e solicitar a axuda dunha veciña que foi a que avisou á ambulancia pasadas as once da noite. A vítima asegurou que non era a primeira vez que sufría estes episodios de violencia por parte do seu fillo. Requirido como reforzo unha patrulla da Policía Local, os axentes desprazáronse ao domicilio familiar, onde se atopaba C.M.M., procedendo a súa detención. A muller permanecía ingresada no servizo de traumatoloxía en espera de ser operada por fractura de úmero.

Pasadas as doce e media da noite, a Policía local tamén foi requirida para acudir á Rúa Bouza de Arriba, en Vilaxoán, onde ao parecer se estaba producindo unha liorta. No lugar, ao que tamén se desprazaran efectivos do Corpo Nacional, atoparon na rúa e descalza a unha muller de 54 anos que manifesta que minutos antes fora agredida pola súa parella tras unha discusión a causa dun teléfono móbil, engadindo que o seu cuñado, que vivía no piso de abaixo, tamén resultara agredido cando acudiu a interceder entre eles. A versión foi corroborada por esta segunda persoa que incluso dixo ter a gravación no móbil que o demostra. En consecuencia, practicouse a detención de J.L.F.B. de 55 anos de idade, que non opuxo resistencia e que foi trasladado previamente ao PAC de Vilagarcía para ser atendido dalgunha lesión que presentaba froito da liorta.