A Deputación oferta cursos gratuítos de español para inmigrantes chegados a Vilagarcía

Os cursos, aos que a institución provincial destina 18.000 euros, celebraranse entre os meses de maio e xuño
Tres migrantes en la terraza del hotel en Sanxenxo. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Algún dos inmigrantes chegados a Sanxenxo en octubre de 2023. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A Deputación de Pontevedra abre este venres 1 e ata o 15 de marzo o prazo para participar nunha nova edición dos cursos de español para inmigrantes que, como novidade, este ano chegan por vez primeira a Vilagarcía de Arousa. Esta actividade formativa gratuíta, que conta cun orzamento de 18.000 euros, ten por obxectivo que os participantes superen as probas orais, escritas e de comprensión do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que poidan solicitar a nacionalidade española. 

A institución provincial promoverá este ano tres accións formativas de 40 horas de duración. Desta maneira, ademais da de Vilagarcía, celebraranse outras dúas en Pontevedra e Vigo para facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar, así, a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. En cada cidade ofertaranse 20 prazas (60 en total) dirixidas a persoas inmigrantes que saben ler e escribir, se atopan en situación regular en España, son maiores de 16 anos, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española. 

Os cursos comezarán en Vigo e Pontevedra, onde se desenvolverán entre o 20 de maio e o 5 de xuño, e chegará despois a quenda de Vilagarcía, onde a formación terá lugar do 10 ao 26 de xuño. As tres accións formativas completaranse, ademais, cunha sesión dunha hora de duración no mes de setembro antes do exame DELE A2, previsto para o día 13, coa finalidade de lembrar a estrutura da proba e resolver dúbidas de derradeira hora. A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para asentar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba. 

No ano 2023, a Deputación de Pontevedra recibiu 94 solicitudes para participar na formación, sendo seleccionadas finalmente 48 persoas, das que 44 se presentaron ao exame e 36 aprobaron. Por nacionalidades, a maioría procedían de Brasil (16), seguido de Marrocos (14) e Senegal (7), se ben tamén houbo participantes de Ucraína, Rusia, Libia, Mozambique, Nixeria e Ghana.