O Concello presenta os proxectos finalistas do Concurso de Iniciativas Emprendedoras

Daranse a coñecer nun acto que terá lugar este mércores, día 28, ás 16.00 horas no salón de Plenos
O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera A cita, aberta ao público, terá lugar no Salón de Plenos do consistorio. DS

Os proxectos gañadores da segunda edición do Concurso de Iniciativas Emprendedoras Concello de Vilagarcía daranse a coñecer este mércores pola tarde no transcurso do acto público que se celebrará a partir das 16.00 horas no Salón de Plenos do consistorio. Os dez proxectos finalistas deberán presentar as súas propostas aproveitando os coñecementos adquiridos durante o proceso de academia e mentorización no que participaron nestes dous últimos meses no marco do certame. O Concello premiará ás tres mellores iniciativas con sumas en metálico coas que contribuír a súa posta en marcha.

Os dez proxectos que chegaron á fase final destacan polo seu carácter innovador e foron seleccionados por considerarse viables económica, técnica e medioambientalmente. Son iniciativas que poden ter un importante impacto na economía local polo seu potencial de creación de emprego e por contribuír á modernización dos sectores produtivos tradicionais. Entre as propostas destacan algunhas tan novidosas como un negocio de repostería para cans, dous de moda sostible e outro de revestimentos para a construción fabricados con cunhas de vieiras.

Os proxectos seleccionados son:

- Arual Ecology: Empresa de roupa confeccionada con materiais sostibles, reciclados ou orgánicos.
- Clamfy: Plataforma para a comercialización directa de produtos da acuicultura, evitando intermediarios entre o produtor (mariscador/mexilloeiro) e o consumidor.
- Dulces Tartas: Negocio de repostería personalizada.
- La Aceituniña: Tenda de encurtidos artesanais e produtos gourmet.
- Las Tartas de Molly: Pastelería para cans.
- Longa Music Lab: Laboratorio de produción musical e espazo experimental.
- Materia Botánica: Proxecto de moda sostible que crea prendas únicas tecidas con lá e tinguidas artesanalmente con tinguiduras naturais extraídas de residuos vexetais da agricultura.
- Mi Chocolate: Obradoiro de creación artesanal de chocolates e bombóns.
- Psicólogos Castromil: Gabinete de atención psicolóxica.
- Shell Panel: Empresa de paneis para a construción fabricados mediante o procesamento de cunchas de vieira.

Finalizada a presentación das iniciativas, e mentres delibera o xurado, a experta en comunicación e publicidade, Patricia Martínez, ofrecerá aos asistentes unha breve charla titulada Márketing de Guerrilla. Será ao remate desta cando o se dea a coñecer o nome das iniciativas gañadoras e se outorgarán os diplomas e premios en metálico, valorados en 16.000 euros. A mellor idea recibirá 8.000 euros, mentres que a segunda e a terceira clasificadas serán premiadas con 5.000 e 3.000 euros, respectivamente.