Costas toma mostras na Concha-Compostela na procura de solucións contra o cadillo

A praia Compostela. DP
Os técnicos do departamento estatal realizaron traballos este luns no areal en resposta ás xestións realizadas polo goberno local

Un equipo de técnicos da xefatura provincial de Costas do Estado e persoal da empresa Tragsa desprazáronse este luns ata a praia da Concha-Compostela co obxectivo de realizar os traballos de campo necesarios para determinar as actuacións a desenvolver para lograr erradicar a vaga de cadillo presente no areal dende hai uns anos. A visita responde ás xestións realizadas polo goberno local ante o departamento estatal demandando solucións para este problema, así como outras melloras nas praias do Preguntorio e Campanario.

O alcalde, Alberto Varela, e os concelleiros de Medio Ambiente, Diego García, e de Turismo, Álvaro Carou, acompañaron aos técnicos de Costas durante boa parte da mañá. Os traballos efectuados consistiron na realización de varias catas e na toma de mostras de area en distintos puntos e a distinta profundidade co obxectivo de concretar ata que nivel están presentes as sementes do cadillo. Estas boliñas estreladas cuxos pinchos se cravan nos pés, no calzado, nas rodas das bicicletas e mesmo nos patas e fouciños dos cans, estan causando grandes molestias aos usuarios da praia, tanto en verán como en inverno, ao tratarse dunha zona de esparexemento moi frecuentada durante todo o ano polos vilagarciáns.

Coas mostras tomadas, os técnicos terán que realizar os pertinentes informes e propoñer as medidas posibles a adoptar para actuar sobre o areal con obxectivo de acabar coa invasión de cadillo de xeito permanente, xa que as anteriores iniciativas levadas a cabo noutras campañas por Concello e Costas tiveron efecto a curto prazo, pero non evitaron que a especie invasora volvera a propagarse. O arranque das plantas ou a retirada manual dos pinchos foron algunhas das actuacións que se levaron a cabo sen acadar o éxito esperado, de aí que o executivo local volvese a xestionar ante o departamento estatal a procura de solucións definitivas.

Aproveitando a visita dos responsables da Xefatura de Costas, Varela Paz volveulle a lembrar a necesidade de acometer as outras melloras pendentes nas praias do Campanario e do Preguntoiro, tal como xa falaran o pasado mes de outubro, cando visitaron o areal de Bamio.