Vilagarcía avanza na mellora da accesibilidade no cemiterio de Rubiáns

O proxecto deseñado por Mariano Vázquez busca solucionar as diferentes problemáticas que presenta o camposanto
Generated by  IJG JPEG Library
Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Imaxe de arquivo do cemiterio municipal. JOSÉ LUIS OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía vén de sacar a licitación a través da Plataforma pública de contratación as obras de 'Reforma nas instalacións e pavimentos e rehabilitación de elementos construtivos' no cemiterio municipal de Rubiáns. Os traballos teñen como finalidade adaptar as instalacións ás actuais normas de accesibilidade e mellorar as condicións de uso das persoas que acoden diariamente ao cemiterio a visitar aos seus finados. A actuación financiaranse integramente a través do Plan Concellos 22/23 da Deputación Provincial e as empresas dispoñen de prazo ata o 8 de maio para presentar ofertas.

O proxecto deseñado por Mariano Vázquez busca solucionar as diferentes problemáticas que presenta o camposanto, como son a recorrente acumulación de augas que está deteriorando seriamente a capela e algúns puntos dos panteóns e nichos. Outro aspecto que mellorará é a accesibilidade dos peóns, cadeiras de rodas ou carros de bebés, que nalgúns casos se ve dificultada pola falta de consolidación do pavimento debido ao problema das augas e que obriga a unha continua reposición de terras para reparar fochancas. A isto hai que engadir a necesidade de actuar sobre a iluminación, o mobiliario urbano ou a xardinaría, co o bxecto de mellorar o conxunto da instalación.

En base a isto, as obras que se pretenden executar consisten basicamente en mellorar os percorridos e a pavimentación da zona máis antiga do cemiterio, nos dous eixos perpendiculares nos que se ordena, mellorando o tránsito entre a entrada principal do camposanto, a capela e ou conxunto de panteóns familiares e xardíns. Tamén se consolidará o pavimento terreño de todo o cemiterio e se instalará un novo sistema de canalización de augas pluviais que reduza o impacto erosivo que teñan as escorrentías sobre elementos tan singulares como a capela e mesmo as tumbas. Por último, mellorarase a iluminación, o mobiliario urbano e a xardinaría.

A maiores, a intervención a realizar terá en conta unha futura ampliación do cemiterio no seu lindeiro occidental, así como a posibilidade de incorporar un acceso rodado a través da superficie que ocupa actualmente o invernadoiro municipal.

Unha vez adxudicados os traballos e asinado o contrato, a empresa adxudicataria disporá dun prazo de seis meses para acometer as obras.