Cortegada ofrece 17 prazas para realizar visitas guiadas ao arquipélago

A través do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de dúas rutas de temática histórica e ambiental no mes de marzo
Viaxe á Illa de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO
photo_camera Vista da Illa de Cortegada. JOSÉ LUIZ OUBIÑA/ARQUIVO

O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia oferta preto de 130 prazas para realizar visitas guiadas aos arquipélagos de Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada esta primavera.

No marco do programa Descubrindo o Parque Nacional, a Xunta ofrece un total de sete rutas de temática histórica e ambiental durante os meses de febreiro, marzo e abril co obxectivo de dar a coñecer os principais valores e singularidades deste espazo natural protexido nunha época do ano distinta ao verán.

No que respecta a Cortegada, as actividades terán lugar o 3 e 7 de marzo. A primeira, con 15 prazas dispoñibles, sairá dende o porto de Carril, mentres que a segunda, con capacidade para 12 persoas, sairá dende o peirao de Vilagarcía. Ambas as dúas comparten o nome de O segredo dun bosque no mar.

As rutas, con guía de balde para os participantes, desenvolveranse en grupos reducidos para ofrecer unha mellor calidade da visita aos espazos protexidos. Ao mesmo tempo, para garantir a participación do maior número de interesados, limítase a inscrición a unha actividade por persoa. Con todo, habilitarase unha listaxe de agarda coa que cubrir posibles baixas.

As persoas interesadas en participar no programa Descubrindo o Parque Nacional deberán reservar a súa praza no apartado das Illas Atlánticas da central en liña do Organismo Autónomo de Parques Nacionais ou directamente nas oficinas do Parque Nacional galego, no edificio Cambón de Vigo. As inscricións poderanse realizar desde este xoves, 1 de febreiro, e o último día para anotarse a cada unha das rutas será catro xornadas antes da realización da mesma.

En canto ao transporte ás illas, farase a través das distintas embarcacións que se ofrecen, en función da illa a visitar, e o custo deberá ser sufragado polos participantes. O importe aboarase á empresa de transporte con anticipación, unha vez o parque lle envíe un correo electrónico cos datos de pago.

A temática das rutas é moi diversa; dende o carácter histórico e botánico da illa de Cortegada con O segredo dun bosque no  mar, pasando polas rochas de Sálvora coas súas Esculturas e lendas e polos lugares pouco coñecidos de Ons coa ruta A illa e o mar, ata chegar á historia das Cíes a través da visita proposta baixo o título Viaxe no tempo. En todos os casos, son itinerarios recomendados para maiores de 12 anos.