As 'Conversas Arredor' rematan este venres cun poemario de Patricia Torrado

A escritora de Baroña falará sobre "Bolboretario do confinamento" coas persoas que se acheguen aos xardíns ás 20.30 horas
O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS

O poemario Bolboretario do confinamento será o eixo sobre o que versará a última das 'Conversas Arredor', que terá lugar este venres a partir das 20.30 horas nos xardíns de Ravella.

A autora Patricia Torrado Queiruga falará sobre a súa última obra coas persoas que se animen a participar nesta iniciativa veciñal que ten como obxectivo dar a coñecer á cidadanía, dun xeito coloquial e informal, a creación literaria de escritores locais e da zona.

Patricia Torrado Queiruga naceu en Baroña en 1987. Licenciada en Filosofía pola USC e museóloga pola UAH é experta en conservación e restauración do patrimonio e xestora cultural.

Na súa faceta literaria, esta filósofa cultiva o microrrelato, a poesía e a narración curta e leva publicadas xa tres obras: a novela xuvenil Don Carlos e o misterio dos lucecús e os poemarios Herdar A Fala, Premio do III Certame de poesía Torre de Caldaloba, e Bolboretario do Confinamento.