O Conservatorio organiza un concerto de Nadal con panxoliñas e música de cine

A actuación na que interveñen alumnado e docentes será o mércores 21 de decembro no Auditorio a partir das 19.00 horas ▶ Martina López, alumna do centro e finalista no programa de televisión Got Talent, actuará como solista nun dos temas do concerto de Nadal

Auditorio de Vilagarcía. DP
photo_camera O Auditorio Municipal de Vilagarcía será o lugar onde se leve a cabo o espectáculo. DP

O Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía celebra o vindeiro mércores, 21 de decembro, o seu tradicional Concerto de Nadal. A cita que anualmente reúne ás familias dos estudantes e a afeccionados da música en xeral celebrarase no Auditorio Municipal a partir das 19.00 horas con entrada libre ata completar capacidade. Ademais das típicas panxoliñas, o programa inclúe temas de películas e a intervención como solista da alumna Martina López, que xusto o día antes, o 20 de decembro, actuará na final do concurso de televisión Got Talent.

O Concerto de Nadal deste ano é unha cita moi esperada xa que, debido á pandemia, o centro de ensino musical levaba dous anos sen poder celebrar este evento tan simbólico do curso e que tan bos recordos trae a toda a comunidade educativa.

O programa

Para a ocasión, docentes e alumnado teñen preparado e levan ensaiando xa varias semanas nun atractivo programa no que intervirán as agrupacións co centro. O Coro do Grao Profesional interpretara América de L. Bernstein, do musical "West side story" e Balaio do compositor Heitor Villalobos. Pola sua banda, o Conxunto Orquestral actuará a continuación interpretando unha selección de "La bella y la bestia" de Alan Menken e Second Chorales de Ryan Fradely. Ambas agrupacións estarán dirixidas polo profesor Diego Fernández. De seguido, a Orquestra do Grao Profesional abordará en solitario o Hymnus Antverpiae e Four Old Dances de Jan van der Roost, seguido da panxoliña Patapán, baixo a dirección do profesor Jorge Ferreira.

Para finalizar, a Orquestra xunto co Coro do Grao Profesional e o alumnado do Grao Elemental interpretarán dúas panxoliñas.Unha delas é un traballo do alumnado do sexto curso do Grao Profesional da materia de composición, que ten realizado un arranxo da panxoliña Nadal de Luintra baixo a dirección do seu profesor de composición e antigo alumno do Conservatorio, Artur Silveiro.
Nesta peza o Conservatorio agarda que actúe como solista Martina López.