O Concello de Vilagarcía agradece a Urbaser o esforzo negociador para evitar a folga

Dende o goberno desexan que a situación do servizos volva á normalidade canto antes e que se retome a implatación de todas as melloras previstas
Traballadores de Urbaser durante as protestas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Traballadores de Urbaser durante as protestas. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

O Concello de Vilagarcía de Arousa fai público o seu agradecemento polo esforzo negociador realizado tanto polos traballadores de Urbaser como pola dirección da empresa para chegar a un acordo e conseguir evitar a folga dos servizos de limpeza viaria e recollida de lixo. O equipo presidido por Alberto Varela congratúlase de que, tras a distancia das posturas iniciais, se teña producido o achegamento que demandaban tanto o executivo local, como os sectores hostaleiro e comercial e os propios veciños da cidade. O agradecemento diríxese de forma especial ás persoas que participaron na mesa de negociación e fixeron posible o final esperado.

"Alegrámonos de que o conflito se teña resolto de xeito satisfactorio para empresa e traballadores, e tamén para o conxunto da cidadanía de Vilagarcía, que non terá que sufrir as consecuencias dunha folga que danaría gravemente á cidade e que impedía gozar plenamente das festas máis esperadas por veciños e turistas", apúntase dende Ravella.

Dende o Goberno local desexan que a situación dos servizos volva á normalidade canto antes e que tan pronto rematen as festas, se retome a implantación de todas as melloras previstas no novo contrato da concesión, cumprindo coas fases especificadas para a renovación dos equipamentos, vehículos e contedores de todo o municipio, así como para a posta en marcha dos novos servizos e horarios fixados.