Ravella reparte 400 composteiros individuais e inicia o prestamo de biotrituradoras

A nova fase na implantación da compostaxe diríxese á veciñanza de zonas rurais e periurbanas que residan en vivendas unifamiliares con horta, xardín ou patio 
Composteiro de O Piñeiriño. DS
photo_camera Composteiro de O Piñeiriño. DS

O Goberno local de Vilagarcía pon en marcha unha nova fase para a implantación e expansión da compostaxe mediante o reparto gratuíto de 400 novos colectores individuais. Esta nova etapa diríxese á veciñanza de zonas rurais e periurbanas que residan en vivendas unifamiliares con horta, xardín ou patio exterior no que instalar o colector. Ademais, ponse en marcha un servizo de préstamo de bitorituradoras portátiles para converter os restos de podas domésticas no estruturante necesario para o proceso da compostaxe. Todo o material foi adquirido mediante unha achega dos fondos Next Generation.

A distribución dos composteiros de 300 litros de capacidade iníciase o luns, mediante cita previamente concertada a través dos mestres composteiros do Concello. As primeiras en recibilos serán as persoas anotadas na lista de agarda resultante das entregas anteriores, unhas 160. O resto de interesados en recibir un colector para practicar a compostaxe doméstica poden solicitalo chamando ao teléfono 617 675 091. Só se admitirán as solicitudes de persoas residentes no municipio, e valorarans e positivamente os seguintes criterios:

– Que a vivenda dispoña dun espazo exterior coa superficie mínima para a instalación do composteiro e uso do compost obtido, xa sexa na horta ou xardín.
– No caso de vivendas unifamiliares, que sexa residencia habitual do solicitane.
- O número de membros da unidade familiar (cantos máis, maior puntuación).
– Que os participantes estean especialmente concienciados coa importancia da compostaxe e coa xestión sostible dos residuos en xeral.

Aireador e termómetro para controlar o proceso

O reparto farase no Auditorio, por grupos reducidos, e despois de asistir a unha breve charla informativa sobre o uso dos composteiros e o proceso de elaboración do abono natural mediante a xestión da parte orgánica dos residuos que se xeran nas vivendas. Os beneficiarios tamén recibirán aireador e termómetro para controlar o proceso, así como un manual de uso.

Para facilitar a labor aos vilagarciáns, o Concello dispón xa dende hai anos dun sistema de reparto gratuíto de estruturante, o material vexetal que se debe mesturar cos biorresiuos para favorecer a súa descomposición e posterior transformación en abono. Ata o de agora, os interesados tiñan que desprazarse ao Auditorio determinados días á semana para recoller o estruturante que o servizo de Medio Ambiente elabora cos restos de podas e limpeza dos xardíns e parques municipais. A partir de agora poderán solicitar o préstamo dunha biotrituradora portátil para levar a casa e tratar alí os restos de podas domésticas, obtendo así o seu propio estruturante para compostar ou para usar como material de acolchado para a horta ou o xardín.

Reducir as queimas e a contaminación ambiental

A maiores, con este sistema o Concello pretende reducir o número de queimas para desfacerse dos restos das podas, corte de h erbas ou roces de maleza, minimizando deste xeito os riscos de incendio e a correspondente contaminación ambiental. E tamén se evita que estes restos acaben nos contedores de recollida de lixo, algo que ocorre habitualmente, sobre todo no rural, e que non está permitido. Ademais, ao desbotalos nos contedores provócase que estes rebosen e que o material cause avarías no sistema compactador dos camións colectores. Precis amente para evitar este tipo de situacións o Concello dispón dun servizo gratuíto de recollida de poda a domicilio, que pode solicitarse chamando ao 986501617.