Ravella saca peito tras os bos datos dos principais indicadores socio económicos

O Goberno local asegura que o Plan de Promoción e Recuperación dotado con 1,2 millóns de euros favoreceu o impulso da economía local tras a crise sanitaria 
O edificio do concello de Vilagarcía de Arousa. DS
photo_camera O edificio do Concello de Vilagarcía de Arousa. DS

A evolución en positivo dos principais indicadores socio económicos relativos a Vilagarcía recollidos no IGE demostran que a cidade non deixou de avanzar dende o ano 2015. Así o afirma o Goberno local do municipio, que engada que, independentemente doutos factores, para acadar este logro o Concello desenvolveu nos últimos anos "políticas destinadas a fortalecer e dinamizar o tecido económico local, con actuacións dirixidas principalmente aos sectores empresarial, comercial, turístico e aos autónomos, así como á creación de emprego en xeral". A acción municipal neste eido intensificouse a partir de 2020 co obxectivo de paliar as graves consecuencias que tivo a pandemia no conxunto da economía e mediante a posta en marcha de importantes medidas de reactivación.

A de maior relevancia en canto a investimento e ao momento no que se puxo en marcha foi o Plan de Promoción e Recuperación Económica, o Vilagarcía 21, dotado con 1,2 millóns de euros cos que impulsar o desenvolvemento económico e social do municipio tras a crise sanitaria. Creouse co obxectivo de que "ninguén quedase atrás" e permitiu poñer en marcha novos proxectos -como a Oficina de Atención Dixital o u Centro Municipal de Emprendemento-, ampliar outros xa en marcha -como a modernización das Prazas de Abastos- e dar continuidade a iniciativas máis recentes -como os Bonos son da Casa, ou as distintas liñas de axudas á creación de emprego-.

Bonos que tiveron un retorno económico superior ao millón de euros

O resultado destas medidas teñen un bo exemplo nas seis edicións da campaña de bonos subvencionados para incentivar o consumo en establecementos comerciais e hostaleiros da cidade e que, en conxunto, supuxeron un retorno económico superior aos 1,2 millóns de euros.

Subvencionados 97 novos negocios e a contratación de 56 traballadores

As Axudas Municipais á Creación de Empresas permitiron poñer en marcha 97 novos negocios na cidade dende 2019, mentres que a través das Axudas á Contratación por conta allea facilitouse que 56 traballadores e traballadoras do municipio atopasen emprego ou mellorasen a súa situación laboral en empresas de Vilagarcía e da súa contorna. Datos estes que tiveron que reflectirse nos indicadores de emprego e de afiliacións á Seguridade Social. De feito, segundo os datos do IGE, o a cidade contaba a 31 de decembro de 2023 con 1.880 desempregados menos que en 2015 e con 2.676 afiliacións máis á Seguridade Social. Ademais, o número de empresas existentes no municipio incrementouse en 77 nese mesmo período.