O emprendemento en Vilagarcía incentivado cunha nova edición das axudas á creación de empresas

As bases da convocatoria foron aprobadas esta semana na Xunta de Goberno e poderán acollerse á iniciativa os novos proxectos radicados en Vilagarcía e dados de alta entre o 31 de outubro de 2022 e o 30 de outubro de 2023

Concello de Vilagarcía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera O Concello de Vilagarcía de Arousa. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

Co obxectivo de promover o emprendementoConcellería de Promoción Económica pon en marcha unha nova edición das Axudas municipais á creación de empresas. Esta iniciativa está destinada a contribuír á creación de emprego e á dinamización da economía local. O departamento que dirixe Álvaro Carou dedica unha partida de 42.000 euros a financiar o programa dirixido a micropemes e negocios de nova creación localizados en Vilagarcía.

As bases da convocatoria foron aprobadas esta semana na Xunta de Goberno e o prazo de solicitude abrirase o día posterior ao da súa publicación no BOP. Os destinatarios son empresarios/as individuais ou micropemes que iniciasen a súa actividade entre o 31 de outubro de 2022 e o 30 de outubro de 2023.

Deste xeito, os gastos subvencionables son os relativos aos trámites de constitución da empresa, asesoría, obras de acondicionamento do local, aluguer, adquisición de existencias iniciais de mercadorías, así como gastos correntes (auga, luz, teléfono…). O importe das axudas consistirá nunha contía fixa equivalente á metade destes conceptos, cun máximo de 2.500 euros e coa obriga de que a actividade permaneza de alta no réxime correspondente da Seguridade Social, como mínimo, durante un período de dous anos contados dende a data de solicitude da achega.

O interese dos emprendedores por esta iniciativa municipal vai en aumento dende a súa creación. Na edición de 2022 aprobáronse 26 das 28 solicitudes presentadas, superando con creces as 19 concedidas o ano anterior. A suma dos fondos distribuídos acadou os 34.719 euros e os negocios subvencionados foron dende centros de estética a academias de baile, pasando por empresas de transporte de mercancías e de albanelería, así como comercios retallistas, de fotografía ou de aluguer inmobiliario.