Ravella ampliará o servizo da compostaxe comunitaria a Trabanca Badiña e Sardiñeira

O Goberno local reunirase coa veciñanza para estender a estas zonas o modelo instaurado no Piñeiriño
Composteiro de O Piñeiriño. DS
photo_camera Composteiro de O Piñeiriño. DS

A campaña informativa e de sensibilización sobre a compostaxe comunitaria chega esta semana a Trabanca Badiña, Trabanca Sardiñeira e á contorna do parque do Castriño. Os veciños destas tres zonas periurbanas foron convocados ás xuntanzas informativas que ofrecerán os mestres composteiros do Concello para explicarlles que é a compostaxe, como se fai e as avantaxas medioambientais e económicas que supón este sistema de xestión natural dos residuos orgánicos. O obxectivo é animalos a participar na experiencia que funciona con éxito dende o 2016 no barrio do Piñeiriño.

As sesións informativas celebraranse este xoves no centro sociocultural de Trabanca Badiña ás 17.00 horas e no de Trabanca Sardiñeira ás 19.00 horas. E o venres ás 17.00 horas a xuntanza será cos veciños das rúas da contorna do Parque do Castriño e o punto de encontro a parcela anexa ao edificio da asociación Amencer. Este centro, que conta con servizo de comedor para os seus usuarios, xa asinou o compromiso de participación no programa de compostaxe comunitaria, ao igual que tamén o fixeron os locais de restauración existentes na contorna do parqu e de Doutor Carús, en Trabanca Badiña.

Ademais de informar, con estas charlas o Concello pretende que máis veciños se adhiran ao sistema para poder implantar centros de compostaxe comunitaria nestas zonas. A idea é estender o modelo do Piñeiriño tamén ás inmediacións dos edificios Invisa, en Marxión, á contorna da Praza de Abastos de Vilaxoán e á zona do Parque de Matosinhos. Nesta última tamén se conta coa colaboración dos centros educativos que dispoñen de comedor: A Lomba e a Escola Infantil Municipal.

Os veciños asistentes á xuntanza recibirán como agasallo unha bolsa de compost, o abono natural elaborado no centro comunitario do Piñeiriño.

Tres fórmulas para un mesmo sistema

Dada a normativa europea de obrigado cumprimento, todos os municipios deben xestionar mediante a compostaxe unha parte importante dos residuos sólidos urbanos que xeren. Ademais da compostaxe comunitaria, en Vilagarcía implantarase a principios de ano o contedor marrón con sistema de recollida propia nas zonas urbanas, onde é máis complicado atopar lugares axeitados para colocar centros comunitarios, e tamén leva anos promovendo a compostaxe individual no rural, onde as vivendas unifamiliares soen contar con hortas ou xardíns nas que colocar o colector. As persoas que precisen dun destes composteiros individuais poden anotarse nas sesións informativas que impartirán os mestres composteiros, xa que o Concello ten previsto o reparto gratuíto de 1.000 unidades a partir do mes de xaneiro.