O Concello contrata a reposición da cuberta do local da ANPA do colexio de Carril

Fachada del colegio Rosalía de Castro de Carril. DS

Os traballos teñen como obxectivo arranxar as fendas que poñían en risco a estabilidade da estrutura e agravaban o deterioro do edificio ao filtrar auga ▶ O executivo local atende a demanda da comunidade educativa

Ravella adxudicou o pasado luns as obras de reposición da cuberta da antiga casa do conserxe do colexio de Carril cun investimento de 21.000 euros. A intervención municipal foi necesaria dada a gravidade do estado no que se atopaba a edificación, que estaba sendo utilizada pola ANPA, e que incluso presentaba risco de desprendementos, segundo o informe do técnico municipal. Tras ordenar a inspección do edificio por parte do Arquitecto Municipal e de reunirse coa dirección do centro e os membros da ANPA, o alcalde, Alberto Varela, comprometeuse a resolver o problema á maior brevidade.

A empresa César Paz será a encargada de acometer os traballos que comezarán nos vindeiros días e que teñen un prazo de execución de tres meses. As actuacións a realizar teñen como obxectivo poñer fin ás graves deficiencias do inmoble, onde aparecían "fendas ostensibles" que afectaban, sobre todo, á lousa inclinada da cuberta. O forxado tamén presentaba defectos nas armaduras, que estaban degradadas e provocaban unha perda da capacidade de resistencia. Por último, o material de cubrición carecía de illamento térmico e as fendas, ademais de provocar a filtración de auga e humidades ao interior do edificio, tamén comprometían a estabilidade dos propios elementos estruturais.

En base a iso, as obras contratadas consistirán en demoler a cuberta actual, formada por lousas inclinadas de formigón e acabado de t ella mixta, para proceder a instalar unha estrutura metálica formada por perfís de aceiro, coas dimensións necesarias para soportar as sobrecargas do peso propio dos materiais, do uso, e do vento.

A nova cuberta formarase con paneis sandwich composto por dúas chapas de aceiro prelacado e con illamento térmico. A obra inclúe a xestión dos refugallos resultantes dos traballos.