As rúas Vista Alegre e Manuel Antonio cambian de sentido a partir do luns

A medida porase en marcha ás 8 da mañá como complemento á glorieta que se está a construír na avenida de Cambados para mellorar a fluidez do tráfico ▶ A entrada ao barrio da Xunqueira dende a glorieta farase por Vista Alegre e a saída por Manuel Antonio, ao revés que ata o de agora

Plano do cambio de sentido nas rúas Vista Alegre e Manuel Antonio. CEDIDA
photo_camera Plano do cambio de sentido nas rúas Vista Alegre e Manuel Antonio. CEDIDA

A reordenación do tráfico rodado na zona da Xunqueira como consecuencia da nova glorieta que se está a construír no cruzamento da avenida de Cambados porase en marcha o vindeiro luns, 6 de febreiro. A partir das 8.00 da mañá dese día, as rúas Vista Alegre e Manuel Antonio mudan o sentido da circulación, polo que os vehículos que desexen acceder á Xunqueira dende a zona da glorieta deberán entrar ao barrio a través da Rúa Vista Alegre e logo xirar á dereita para continuar por López Cuevillas ou saír por Manuel Antonio cara a avenida de Cambados. É dicir, en sentido contrario ao que se viña facendo ata o de agora.

Este cambio é unha medida complementaria á nova glorieta a emprazar no cruzamento da avenida de Cambados coas rúas Vista Alegre, Fontecarmoa e Doutor Tourón que se constrúe co obxectivo de mellorar a mobilidade e a fluidez do tráfico nesa arteria de comunicación e nas zonas da contorna, especialmente tras á reorganización circulatoria levada a cabo no barrio do Piñeiriño debido á humanización da rúa camilo José Cela.

Máxima precaución ao mover os coches estacionados previamente

O cambio de sentido das rúas Vista Alegre, Manuel Antonio e o tramo de López Cuevillas que entra en vigor o luns pola mañá estará debidamente sinalizado e haberá axentes da Policía Local regulando o tráfico nas interseccións afectadas. A Policía Local comezou esta semana a colocar carteis informativos nos portais das vivendas, baixos comerciais e garaxes das rúas afectadas. De igual xeito, colocaranse notas informativas nos vehículos estacionados nas vías que cambian de sentido para advertir aos condutores que o luns terán que incorporarse á circulación respectando o novo sentido da rúa, polo que se prega a máxima atención á sinalización e que extremen ás precaucións.

A maiores do cambio circulatorio, as obras de construción da glorieta e de mellora das beirarrúas da contorna prosegue a bo ritmo. O tramo da beirarrúa da avenida de Cambados xa está formigonado e xa se está a traballar no acondicionamento da praciña da travesía Pablo Picasso. Dado que os traballos se centran nas zonas peonís nesta primeira fase, a circulación rodada pola avenida de Cambados e Doutor Tourón non se verá afectada.