O Concello adquire catro puntos limpos móbiles para mellorar a xestión de residuos

O subministro destes contedores específicos para a recollida de residuos contaminantes licítase por importe de 54.000 euros
Punto Limpio Móbil en Raxó. CONCELLO DE POIO
photo_camera Punto Limpio Móbil en Raxó. CONCELLO DE POIO

O Concello de Vilagarcía vén de sacar licitación o subministro de catro Puntos Limpos Móbiles co obxectivo de continuar mellorando o sistema de recollida de residuos sólidos urbanos e avanzar no modelo de xestión sostible e respectuosa co medio ambiente. Cun investimento de 54.000 euros, a Concellería de Servizos adquirirá catro remolques perfectamente acondicionados e habilitados para o depósito de residuos e aparellos contaminantes que irán desprazándose por todo o municipios para facilitar que os veciños poidan recorrer a eles para desbotar todo tipo de desfeitos especiais sen ter que desprazarse ata o Punto Limpo de Pinar do Rei e facelo de forma sustentable e respectuosa co medio ambiente.

Os Puntos Limpos Móbiles póñense en marcha para evitar que dispositivos electrónicos, electrodomésticos de pequeno tamaño, pilas, baterías, lámpadas, pinturas e outros materias contaminantes non acaben na bolsa convencional do lixo, unha práctica inadecuada moi habitual e que resulta moi perigosa para o medio ambiente.

Os remolques a adquirir para ser usados como Puntos Limpos deberán estar fabricados en materias axeitados e o máis respectuosos co medio ambiente que sexa posible. Ademais, deberán estar perfectamente compartimentados en fraccións independentes e modulares para o depósito separado de diferentes tipos de residuos. As fraccións, estancas e perfectamente seladas, terán bocas de carga frontal situadas a media altura para maior comodidade dos usuarios.

Dous tamaños diferentes

O sistema contará con dous remolques compactos de tamaño mediano (3,4 metros de largo por 1,30 de alto e 1,5 de ancho) que contarán con sete compartimentos independentes para o depósito de tóner de impresora, pequenos electrodomésticos; xoguetes e outros plásticos duros que non sexan envases; lámpadas e fluorescentes; materiais electrónicos, de informática e telefonía; aerosois e envases de pintura; e pilas e baterías.

Os outros dous serán de maior tamaño (4 metros de largo por 1,90 de alto e 1,5 de ancho) e disporán de 15 fraccións estancas e separadas para a recollida dos sete grupos antes indicados -separando en módulos independentes os aparellos electrónicos dos móbiles e táblets- aos que se suman compartimentos para aceite de cociña embotellado; radiografías; CDs e DVDs; cápsulas de café; cargadores e auriculares; material de escritura; e téxtiles.

Circuíto permanente con 45 paradas en zonas urbanas e rurais

Os remolques de Punto Limpo desprazaranse cun vehículo tractor eléctrico especialmente adaptado a este uso. Irán rotando entre un total de 45 puntos do municipio previamente estudados, tanto nas zonas urbanas como rurais, permanecendo varios días nun mesmo lugar. O circuíto estará preestablecido e repetirase segundo un calendario que se sinalará nos propios remolques que, segundo consta nos pregos de licitación, tamén terán que ir debidamente serigrafiados e incluíndo outro tipo de información como horarios do Punto Limpo de Pinar do Rei ou do servizo a domicilio de recollida de aveños voluminosos.

Os Puntos Limpos Móbiles levaranse ao Punto Limpo de Pinar do Rei para o seu baleirado e cada tipo de residuos enviarase aos correspondentes centros de tratamento autorizados para o seu tratamento, de forma que se reciclen todos os materiais que sexa posible e se destrúan de forma segura para o medio ambiente os que non sexan susceptibles de reutilización.

As empresas que desexen presentar ofertas para o subministro dos Puntos Limpos Móbiles dispoñen de prazo ata o día 11 de outubro para facelo a través da plataforma pública de contratación. Unha vez adxudicado e asinado o contrato, a adxudicataria deberá entregar os remolques nas condicións especificadas no prazo de 1 mes.
Para financiar a adquisición dos Puntos Limpos Móbiles, o Concello de Vilagarcía conta cunha subvención dos fondos europeos Next Generation integrados no Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno do Estado.