Comezan os traballos de restauración do lavadoiro de Vilaxoán

O Concello inviste 4.500 euros na actuación aprobada por Patrimonio 
Lavadero de Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera Lavadoiro de Vilaxoán. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A restauradora Iria López iniciou esta semana os traballos de restauración do lavadoiro público de Vilaxoán, un elemento da arquitectura tradicional popular que o Concello pretende preservar con esta nova intervención na que se investirán 4.500 euros. Trátase dunha medida demandada pola veciñanza do lugar á que o executivo local dá cumprimento no marco das actuacións que se están a levar a cabo para conservar o patrimonio local, como a da Fonte de Castroagudín que vén de rematar ou a da Fonte de Rafael Pazos.

O proxecto conta coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio e ten un prazo de execución de tres semanas. O seu obxectivo é resolver as deficiencias que presenta na actualidade o conxunto, cuxo vaso perde auga e fai que se encharque a zona de estancia das persoas. Isto, ademais de dificultar o acceso ao lavadoiro, afea a súa imaxe ao presentar unha pía baleira na que se acumulan lodos e medran herbas.

Para corrixir esta situación realizaranse traballos que melloren a estanquidade do vaso, selando fendas e aplicando produtos impermeabilizantes, e arranxaranse a esclusa e a canle de evacuación. Previamente farase unha limpeza xeral da construción mediante a retirada de plantas, entullos e lodos acumulados.

Xa hai uns anos, o executivo local promovera outra actuación de mellora do lavadoiro de Vilaxoán que consistiu en recuperar a imaxe orixinal do conxunto retirando as pranchas de uralita da cuberta para substituílas pola tradicional tella curva de cerámica.